Opinión

O maltrato á produción ecolóxica mantense

Os señores/as da Xunta metéronse nun lío e de paso meteron nun lío as e aos produtores en ecolóxico. Non é que a cousa ande boiante para ninguén, despois de todo o vivido, e probablemente a única saída viable para as granxas fora mellorar a produción converténdoa a ecolóxico, de modo que se contara con axudas específicas e coñecidas durante os próximos 5 anos. Facilitou este pensamento o constante bombardeo da Xunta e das entidades de asesoramento, que xunto coas incertezas en torno á chegada da nova PAC axudaron a tomar a decisión, o que non se sabía daquela era que este paso estaría abocado ó fracaso por falta de miras e de  enteireza política do actual goberno.

É ben doado perder oportunidades, recuperalas pode ser imposible e parece que quen goberna non se está decatando, igual é porque se conforma con fabricar a realidade para a prensa, cando o que ten que facer é poñer toda a carne no asador facendo e aplicando políticas para un país do primeiro mundo. Precisamos producións de máxima calidade, como xa temos, a prezos por riba dos custes de produción, apertura de mercados de proximidade creando canles de distribucións en comedores colectivos, de hospitais, residencias e colexios, plataformas potentes dende as que se poidan comercializar estes produtos, e todas cantas medidas puideran estar en mans dun goberno que goberne e ningún caso debe figurar o abandono a ningún sector.

Ás e aos produtores en ecolóxico non lles queda outra que organizarse para dar esta batalla, e estano facendo, o cal é sempre unha boa nova no medio destes sin sentidos e probablemente a única maneira de facerse fortes para que un goberno da Xunta “inclasificable”, e mesmo as empresas de distribución os tomen en serio.

Mentres tanto, o BNG está levando unha batería de iniciativas a tódolos ámbitos institucionais nos que ten representación, que neste momento son os concellos, deputacións, e parlamentos, galego, estatal e europeo. A nosa pretensión é darlle voz ás súas demandas porque son xustas e porque ademais temos a obriga de denunciar que esta Consellería de Medio Rural está camiñando no sentido inverso ás Políticas Agrarias  Europeas, demostrando unha flagrante falta de visión de futuro e unha incapacidade tanto para protexer o noso agro como para potencialo.

O apoio do BNG ás producións primarias en xeral non ten dúbida, ás producións ecolóxicas tampouco, imos para 14 anos de goberno do PP e está todo por facer, unha parálise de anos que se pretende contrarrestar con medidas estrela que, é verdade que nos entreteñen pero, consumen os recursos para deixar un rural pequeno convertido nun escaparate que é o que pretenden ensinar. Pero hai outro, o de verdade, que sigue producindo produtos da horta, produtos gandeiros, madereiros, etc moitos deles de gran calidade a baixísimo prezo, como se dun país subdesenvolvido se tratara, e para este rural dóelles máis destinar diñeiro.

O desenvolvemento rural para o goberno da Xunta é unha asignatura pendente, demóstrano cada día.
 

Comentarios