Opinión

Falemos do Rato

Supoño que ninguén discute que o Rato é un espazo que a cidadanía usa e goza de modo habitual e que convén respetarmos como o cinto verde que é. Probablemente resultaría máis adecuado  retirar o exceso de vehículos que utilizan esta zona como atallo, en vez de empregar modelos antigos, proxectados hai 20 anos e moi superados conceptualmente, por innecesarios e invasivos.

Nestes momentos estamos vivindo o cuestionamento a gran escala dos modelos urbanos tradicionais, aínda que hai anos que, rexidores con visión de futuro foron considerando a creación de deseños máis europeos e humanos. O libro de Carlos Moreno (asesor de Ane Hidalgo, alcaldesa de París), ‘La ciudad de los 15 minutos’, fala xa de anticiparnos ó futuro neste mundo cambiante que vai xerar maneiras de traballar e, polo tanto de vivir, co que precisaremos cidades que satisfagan estas novas necesidades. 

No noso país, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, foi pioneiro en ir programando unha cidade, a súa, para as pontevedresas e pontevedreses. Iso mesmo está a acontecer en Lugo dende que goberna o BNG. Son planificacións máis alá dunha moda e que se executan dende a profunda convicción de que as cidades teñen que ser para as persoas a máis de ser sustentábeis e respetuosas co medio ambiente.

Atopamos hoxe en día unha contraposición clara de modelos de cidade, como de outros moitos aspectos. O Partido Popular aposta por realizar cintos de asfalto e o BNG por cintos verdes

Para isto é fundamental superar modelos dos sesenta, nos que as cidades se adaptaban aos coches e non ás e ós cidadáns. Isto faise imposible cando o goberno da Xunta, do Partido Popular, rescata para Lugo un proxecto de fai 20 anos, o da Ronda Leste, cun trazado que prevía dar servizo a unha poboación que sería dous terzos superior á actual. Esta rolda produciría o deterioro de, polo menos, un kilómetro de paseo do río Rato, cuberto por un asfaltado que arruinaría a imaxe da cidade de Lugo. Cabe recordar que é a única do Estado español que figura como Reserva da Biosfera, grazas tamén a este parque.

Atopamos hoxe en día unha contraposición clara de modelos de cidade, como de outros moitos aspectos. O Partido Popular aposta por realizar cintos de asfalto e o BNG por cintos verdes.

Pedimos, pois, que no PP reflexionen e encarguen un trazado acorde coa cidade que pretender ser Lugo dentro de 20 anos. Un deseño destas características non se pode facer dende unha perspectiva cortoplacista e, moito menos, rescatando proxectos dun baúl do faiado. Son, polo tanto, corenta anos o que separa o proxecto actual do que Lugo necesita e, dende o BNG insistimos en que este deseño ha de ser repensado e consensuado.

Comentarios