Opinión

As enfermeiras na Pimaria

Algo está a pasar continuadamente na Atención Primaria e non é precisamente bo. O goberno da Xunta leva anos mirando para outro lado co fin de non abordar e corrixir a falta de persoal médico, que sabían perfectamente que chegaría, e así nos atopamos con PACs nos que, chegado este momento, quedan enfermeiras e persoal administrativo sen persoal médico. Pero tamén con consultorios onde só atende a enfermeira e centros de saúde a medio gas.

A cuestión da Atención Primaria tería que vir dada como se deseñou no seu nacemento, equipos multidisciplinares que están interacionando coa sociedade para satisfacer as súas necesidades biopsicosociais, onde a prevención, a promoción e a educación sanitaria priman e o tratamento da enfermidade faise, cando aparece, porque o anterior non foi suficiente. Nunca se pode facer isto cunha soa categoría profesional. De feito estamos a falar de que a Primaria ten que contar con, traballo social, persoal médico, de enfermería, fisioterapia, psicoloxía, e engado eu de xeriatría, que nas provincias de Lugo e Ourense case sería imprescindible, debido á media de idade da súa poboación, porque só así a visión sobre o continuum saúde- enfermidade será verdadeiramente holística.

Por isto a Atención Primaria é imprescindible para acompañarnos nese continuum dende a proximidade que universaliza a súa atención e garante a igualdade, para unha mellora na esperanza e na calidade de vida, ben é certo que o «volume de negocio que xenera non está á altura da hospitalaria» pero non por iso debemos perder interese en dotala de persoal e en atender ás súas traballadoras/es porque iso restaría saúde para a poboación.

Exixamos como cidadanía, porque temos dereito a esixir, unha asistencia sanitaria de calidade para que non nos quiten a posibilidade de manter unha mellor e máis longa vida e para iso ten que haber suficiente persoal

Todo isto indica que algo estamos a facer bastante mal porque a solución á escaseza de persoal médico na Atención Primaria nunca pode ser deixar ás enfermeiras soas, porque aínda que teñen plenas competencias para facer triaxe (é dicir, para establecer prioridades de asistencia entre as persoas con patoloxías que acoden ás urxencias), teñen que formar parte deses equipos nos que poden aportar o seu saber e a súa experiencia, non poden estar soas, tampouco o persoal médico nin o administrativo...

Temos que establecer unha cordura profesional dentro do sistema legal para garantir a asistencia sanitaria multidisciplinar, ou pluridisciplinar, para seguir mantendo o nivel da Atención Primaria á altura das necesidades para medrar en dereitos sanitarios, carteira de servizos e asistencia sanitaria na que as necesidades da comunidade e das persoas sexan o centro. 

Exixamos como cidadanía, porque temos dereito a exixir, unha asistencia sanitaria de calidade para que non nos quiten a posibilidade de manter unha mellor e máis longa vida e para iso ten que haber suficiente persoal. Exixamos, como enfermeiras, que non nos usen como escudo ante a falta de facultativos, reivindiquemos que nos deixen exercer o noso extenso e importante labor coa máis pulcra garantía xurídica neste exercicio, e ambas exixencias non deberían dar moito máis que discutir.

Comentarios