Opinión

A cara ao descuberto

Está claro que a raza humana cumpre perfectamente cos prantexamentos de Darwin na Teoría da Evolución. Perviven os/as máis aptas e perviven porque se adaptan mellor, non se trata de ter máis fortaleza senón mellor capacidade adaptativa.

Levamos 2 anos de máscaras tapando as bocas e os narices da poboación. Superamos as dificultades respiratorias que nos provocaban, a irritación na pel, non coñecer ás persoas pola rúa, ou quedar sin información xestual da persoa coa que falabamos. As persoas xordas quedaron sen a fonte de información que lles daba a lectura de beizos... e así sucesivamente.

O máis significativo foi que pasamos de ver caras discordantes entre levar a máscara e non levala, como se case ningunha tivera coherencia. Era como se ollos vistos por separado non concordaran coa boca cando se retiraba a máscara e se vía o cadro completo. E, dicíamos que pasamos a ver como a maioría volve formar un conxunto harmónico somentes por levar pouco máis de un mes coa cara descuberta pola rúa.

Foi un paso intermedio a este que imos vivir ó longo desta semana, que é a retirada definitiva dos tapabocas na maoría dos interiores e agora onde había certezas parapetadas, entre elas a sensación de estar protexidas do virus, aparecen de novo as incertezas.

Xa se fala agora do ‘Síndrome da cara baleira’, que igual con bon criterio, é desmentido por según que profesionais, tamén de sentimentos de desprotección ou de exposición ó virus. Aquelas famosas simulacións de gotiñas de saliva que se desprazaban polo aire dos recintos onde había unha reunión, e ían pasando de boca en boca, daquela deron bo resultado para vencer as reticencias á hora de poñer a máscara, pero agora resultan nefastos para quitala.

En todo caso, debemos adaptarnos a esta nova etapa e farémolo, espero que sin síndrome de ningún tipo. Asumiremos dende xa, a recuperación das cremas antienrugas, dos pintalabios, das rasuradoras, pinzas ou láseres e sobre todo dicir para as fotos os socorridos ditos como pataaca.

Unha recomendación, se ma aceptan, é o que penso facer eu mesma, cando me pareza manterei a máscara posta en interiores e exteriores, será iso en función do espazo, do número de persoas, da ventilación, da proximidade e todo aquelo que o meu organismo teña a ben a ter en consideración. Cando me pareza, en función destes mesmos ou de outros parámetros, retirareina. En ningún dos dous casos hai que deixarse condicionar máis que por estar o máis agusto e seguros posible nos lugares aos que imos. 

Non debemos esquecer tampouco que este virus non é inocuo, pode evolucionar mutando, pode causar dano, nos hospitais aínda hai moitos ingresos, e aínda que poucos, quedan doentes nas UCI e periodicamente seguirá habéndoos, polo que sen dramatizar, hai que seguir a tomar as precaucións que a lóxica e o sentido común nos aconselle. 

Comentarios