Opinión

A celebración do 1º de Maio en Viveiro cumpre cen anos

En 1899, coa posta en marcha e explotación das minas de ferro da Silvarosa pola empresa de capital alemán The Vivero Ore Cia. Ltda., producíronse en Viveiro as primeiras folgas obreiras na demanda de mellores condicións salariais e laborais. Igualmente, en outubro de 1902, constituíse a sociedade de carpinteiros La Prosperidad, e seguindo o exemplo desta nacería o sindicato das Minas del Valle de Vivero (1903). Así mesmo, fundaríanse as entidades corporativas de carácter gremial Honradez y Laboriosidad (xastres) e Aspiración de zapateiros, ambas as dúas de curta duración. Agora ben, a primeira Agrupación Socialista de Viveiro fundouse o 13 de setembro de 1903, en Guistilán (Galdo), debido a súa proximidade aos traballos iniciais das minas.

Ao fronte da Agrupación figuraba como presidente o obreiro Antonio Fernández Castedo, e aínda que descoñecemos o nome dos demais cargos directivos si sabemos, á altura, os nomes de tres dos fundadores:  Antonio Louro, Luis Rey e Antonio Rodríguez Iglesias. A nacente sociedade socialista que contaba en 1904 con 14 membros, xogou un rol importante na organización de distintas folgas, mitins e actos sociais acontecidos na localidade nestes primeiros anos do século, motivo polo que se convertería no albo dos ataques da patronal, do director do semanario El Eco de Vivero, o tradicionalista Jesús Noya e dalgúns membros da igrexa mais reaccionaria, como o párroco de Magazos Daniel Iglesias Gradaille “Carracuco”.

Os socialistas viveireses, xunto con algúns membros do antigo Grupo Germinalista da localidade como Antón Vilar Ponte, editaron, o 15 de setembro de 1906, o quincenal anticlerical Germinal, que tiña por lema: “Ni Dios ni amo”. Coa desaparición  de Germinal, que coincide no tempo coa partida á Arxentina e Cuba da maioría dos seus redactores, desapareceron a  Agrupación socialista e as sociedades de resistencia obreira da localidade, de tal xeito que en 1908 só ficaba a mutualista Sociedad de Obreros, fundada en 1888.

Malia ao amplo labor organizativo, propagandístico e de loita en defensa dos traballadores realizado durante estes anos polas organizacións obreiristas viveiresas, chama a atención a falla de celebracións públicas no día 1 de maio. O establecemento do 1º de Maio como xornada de loita reivindicativa do movemento obreiro mundial levarase a cabo por vez primeira en 1890, despois do acordo tomado o ano anterior na celebración en París do Congreso Obreiro Socialista da II Internacional. A instauración desta efeméride serviría tamén como homenaxe aos mártires de Chicago, masacrados en defensa da loita pola redución da xornada laboral e na mellora das condicións de traballo de homes, mulleres e nenos. 

Como reacción á nova celebración da clase obreira aprobáronse distintas medidas lexislativas como as que estableceu o dirixente conservador Cánovas en 1891 para prohibir as manifestacións nas rúas, ao tempo que restrinxía os mitins, actos e reunións aos locais pechados para extremar a vixilancia e o control político.

Dende 1909 a 1919 o movemento obreiro viveirés ficou totalmente desartellado e instrumentalizado ou, mesmo, anulado por parte dos grandes partidos da Restauración, liberais e conservadores, que utilizaron aos obreiros en función dos seus intereses electorais.

O RENACER DA CLASE OBREIRA: A CELEBRACIÓN DO 1º DE MAIO (1919-1924)

Porén, a partir da revolución do outubro ruso de 1917 e, sobre todo, do armisticio  que supuxo o final da gran Guerra europea, comezou unha época de gran efervescencia social. agudizada polo empeoramento progresivo das condicións de vida dos traballadores como resultado dos desastres da guerra, da crise das subsistencias e da falla de recursos que orixinaron un estalido de protestas por toda Europa. En España produciuse a fracasada Folga xeral de 1917. Neste contexto revolucionario, constitúese na nosa vila o 26 de decembro de 1918 a Sociedad de Obreros del Ramo de Construcción. O novo sindicato foi fundado pola seguinte comisión organizadora: Eduardo Arenas, Jesús García, Juan Vieiro, José Seara, Francisco Núñez, Salustiano Chao Ladra, Eugenio López e Vicente Freire Lopez. En adiante, publicarían El Defensor Obrero, como órgano de prensa para expandir as súas reivindicacións e ideoloxía, ao tempo que esixían responsabilidades pola sangría que supuña a guerra colonial de Marrocos. Malia o alto grao de organización acadado en 1919, aínda teríamos que agardar até 1920 para a celebración do 1º de Maio en Viveiro. Neste ano produciuse en abril unha folga na construción e, dende finais de marzo a setembro, unha longa protesta na Fábrica de automóbiles de Chavín pola negativa de Jose Barro a reducir a xornada laboral de 10 horas e media a oito. Ademais, a carestía das subsistencias e falla de cereais, fariña e ovos deu lugar a distintas protestas e motíns, encabezados maioritariamente por mulleres.

Con este ambiente totalmente exaltado celebrouse a primeira Festa do Traballo en Viveiro da que daba conta a crónica do “Heraldo”(2-5-1920), do seguinte xeito:

“Por primera vez se ha conmemorado en Vivero, por los trabajadores, el primero de mayo.

A las once de la mañana se organizó una manifestación que recorrió las principales calles del pueblo, en medio de la mayor sensatez.

La Sociedad de Obreros del gremio de Construcción estrenó, con tal motivo una hermosa bandera primorosamente bordada por la Srta. Consuelo Lorenzo, labor que ha sido elogiadísima por cuantas personas la han visto expuesta en el escaparate del Sr. Grandío.

Se da por seguro que en breve se celebrará un mitin de propaganda societaria con la asistencia de un delegado de la Unión General de Trabajadores”.

En xaneiro de 1921 produciuse a constitución dun novo sindicato: a Sociedad de Obreros Mineros del Valle de Vivero, nun momento de grande sensibilidade mineira debido a reiteración dos accidentes laborais. Coincidindo co 1º de Maio dese ano, os dous sindicatos obreiros botaron á rúa un panfleto titulado: “El proletario vivariense rompe las cadenas”; nel anunciábase a próxima chegada a Viveiro do secretario xeral da UGT Largo Caballero, ao tempo que se reafirmaban na unión da clase obreira e a ruptura cos partidos burgueses.

O día 6 de xuño de 1921 Largo Caballero pronunciou un mitin na Praza Maior, no que participaron ademais Manuel Cordero e os socialistas locais E. Fernández Temprano e Alfonso Quintana. Francisco Largo falou sobre o problema social explicando a diferenza entre odio e a loita de clases, recomendando a moralidade e maila instrución obreira.     

A medida que foi callando na clase obreira o carácter festivo da celebración do Día do Traballo e da Paz, que así se denominou durante os anos de 1922 e 1923, tiña lugar a manifestación matutina que saída da Casa do Pobo para percorrer as rúas coas súas bandeiras e carteis, acompañados da Banda de Exploradores e do canto dos himnos A Internacional e Primeiro de Maio. Logo celebrábase un mitin no Teatro Nemesio onde teñen dirixido a palabra ao público destacados líderes obreiros viveireses, ferrolás e ourensás. Ao remate facíase entrega no Concello das conclusións acordadas para  remitilas ao presidente do goberno. Entre outras, solicitábanse o fin da guerra de Marrocos, a implantación do control sindical e o respecto da xornada de 8 horas.

Pola tarde era costume realizar unha xira campestre ao Rego de Sidro, con musica de baile e merendas nas que participaban familias completas, incluíndo ás mulleres e os nenos para darlle a conmemoración un forte senso comunitario e de unidade. Na manifestación de 1922 desenvolveron un rol especial as mulleres, logo da folga que realizaran con éxito na fábrica de cerámicas La Gallega, en Celeiro.   

A finais de novembro de 1922 comezou a publicarse o quincenal El Proletario e constitúese a Agrupación Socialista de Viveiro no mes de decembro. As últimas  celebracións do primeiro de Maio serían as de 1923 e 1924, pois co Directorio militar do xeneral Primo de Rivera prohibíronse as manifestacións  e reduciuse totalmente a actividade partidaria, motivos polos que a celebración obreira non volvería a reorganizarse até a proclamación da II República, en 1931.