Opinión

A patada do século

NUNCA PENSEI que a patada dun piloto de motociclismo acabara por convertirse na "patada do século". Que falta de respeto para Goikoetxea ou Goyo Benito; excelentes precursores dun estilo tan mal visto nos nosos tempos. Pero o certo é que esa patada marcará un antes e un despois na categoría raíña de motociclismo.

Marc Márquez, —se cadra hoxe por hoxe o mellor piloto do mundo no corpo a corpo, dotado desa frialdade innata para atopar o oco imposible nunha última volta de infarto—, decidiu xogar con Valentino ao gato e ao rato desde os primeiros lances dunha carreira que xa viña quente dende a rolda de prensa previa. Marc, sen a presión de disputar o mundial, desfrutaba dun tango improvisado con Valentino, mentres o italiano maldecía ao ver que Lorenzo fuxía sen remedio.

Daquela Rossi, o eterno campión, enrabietouse e puxo fin ao xogo de egos cunha patada de xudoka. A actitude de Márquez pode ser reprobable, —a telemetría indica que agardou unha e outra vez por Rossi—, pero non hai nada ilícito na pilotaxe do catalán. O de Rossi é moi grave, tanto como o castigo imposto pola dirección de carreira. Penalizar a Rossi unicamente con saír de último en Cheste é unha broma de mal gusto e permite amparar a aqueles que mañá decidan tomarse a xustiza pola súa man, tal e como fixo Vale.

Pero non é menos certo que sería de idiotas penalizar con puntos a Rossi e finiquitar o mundial a favor de Lorenzo, suporía desperdiciar unha oportunidade única. Agora os dirixentes do mundial frontan as mans. Rossi, o eterno campión con miles de seguidores, visitará Cheste no medio dunha afrenta con Marc e Lorenzo. Alguén dubida de que haberá un novo baile e de que estaremos ante a carreira de motos máis vista da historia? Todo, por unha patada a destempo. Como dixera Ghandi, "o que se obtén con violencia, só se pode manter con violencia".

Comentarios