Opinión

A partida táctica de Riazor

RIAZOR VAI acoller o enfrontamento entre dous equipos moi fiables, diferentes na súa proposta de xogo pero con argumentos dabondo para poder gañar o partido con maior carga emocional da temporada.

O Celta non agocha as súas cartas. Sen Cabral e sen a variable de Radoja na medular, o seu once inicial está claro e a súa filosofía de xogo non entende de excepcións. Buscará o triunfo desde o primeiro minuto. Presión zonal, abafante na saída con balón do rival, rápida recuperación e triangulacións constantes do esférico ata que en tres cuartos de campo, a inspiración e o talento de Orellana, Nolito e Aspas poida marcar as diferenzas.

O mellor do Celta é a súa fidelidade a unha proposta futbolística. Tanto lle ten xogar no Pizjuán, en Anoeta ou co Barça en Balaídos. É un equipo que mira cara adiante; que ás veces adolece de protexer a súa área e que por riba de todo, imprime unha velocidade ao xogo que lle fai gañar moitos partidos na parte final de cada choque.

Se é eloxiable a proposta de Berizzo -dándolle a súa impronta a un estilo de elaboración xa impregnado en Balaídos-, hai que loar máis se cabe o traballo de Víctor Sánchez no Deportivo. En poucos meses e con menos capacidade para fichar, convertiu o equipo lento e afeito á improvisación da temporada pasada nun equipo atractivo; dos que gusta ver como espectador. Un Deportivo sólido atrás, con personalidade cando ten o balón e cunha capacidade asombrosa para suxeitarse no campo e remontar resultados adversos. Este Deportivo nunca tira a toalla; só dúas derrotas no que vai de Liga.

A Víctor non lle tremeu a man para darlle o timón de mando a Pedro Mosquera; o cerebro do Deportivo; nunca perde a posición e sempre acerta co pase adecuado. Circulación rápida para xerar perigo ás veces co talento de Cartabia; o músculo de Fayçal e sobre todo a definición de Lucas Pérez. A súa posición de falso nove, acompañado pola súa inspiración e capacidade goleadora, converten a Lucas no líder emocional. O nexo entre equipo e afección. Un 'killer' en forma, capaz de decidir un partido.

ELEMENTOS A TER EN CONTA.
-Riazor será un caldeira e co vento a favor, xogadores como Lucas Pérez terán un plus extra. Veremos como xestiona Aspas os asubíos. Debería aprender do pasado.
-A loita na medular será clave. Augusto e Mosquera buscarán o dominio da partida.
-Nos duelos particulares, Fontás aparece en clara inferioridade ante Lucas Pérez e a defensa do Deportivo deberá manter as vixiancias sobre o tridente que forman Nolito, Aspas e Orellana.
-Atención a actores secundarios como Fayçal no Deportivo e Daniel Wass no Celta. O do Tucu Hernández e Fede Cartabia é un caso aparte; talentosos á vez que intermitentes.

En definitiva, aposto por un derbi apaixoante onde o Celta leve a iniciativa e o Deportivo, cómodo sen balón, mostre que tamén ten pegada. Un choque en que a paixón poida máis que a cabeza e onde os goles acaben impoñéndose á obsesión por defender.

Comentarios