Opinión

O pulso de Gómez Noya

A NEGATIVA de Xavi Gómez Noya para competir baixo a licenza federativa de Galicia vai camiño de converterse nun asunto de estado. Se fose outro deportista de elite quen tomase esta decisión, probablemente o asunto pasaría sen pena e sen gloria pola prensa e os medios. Podería dar que falar un par de liñas de periódico pero non ocuparía portadas.

Pero Goméz Noya non é un deportista calquera. Estamos diante dun pentacampión mundial de tríatlon e cada un dos seus movementos son analizados con lupa. A relevancia da noticia gaña aínda maior peso ao producirse xusto no ano en que o ferrolán vai tentar gañar o ouro olímpico.

Despois de moito reflexionar, Gómez Noya tomou a decisión de competir cunha licenza independente. Poida que sexa un erro de cálculo por parte dun home meticuloso, perfeccionista nos seus adestramentos e nos seus xestos como persoeiro público. De feito Gómez Noya é dos poucos atletas galegos que dominan á perfección a súa esfera pública e privada. Fala idiomas con soltura alá por onde compite; é a imaxe publicitaria de grandes marcas e mesmo soubo sacarlle partido a unha biografía convertida en bestseller nas librerías o pasado Nadal.

Pero poida que o seu desencontro con Omar González se lle fose das mans. Omar foi o seu adestrador; marcou unha etapa no seu crecemento deportivo pero a cousa rematou mal, moi mal. Na actualidade Omar traballa para a federación galega de tríatlon; unha federación criticada por Carlos David Prieto, o actual adestrador de Gómez Noya: “Desde que estou con Xavi, a federación galega nunca nos apoiou”.

Sinceramente; que apoio lle pode prestar a federación galega ao mellor triatleta de todos os tempos? Acaso alguén pensa que o presidente e a súa directiva van tirar pedras contra o seu tellado poñéndose en contra do mellor activo que ten? Dun dos mellores deportistas galegos de todos os tempos? Sería unha enorme estupidez.

Mentras, Gómez Noya adícase a adestrar e garda silencio pero as verbas do seu adestrador non parecen gratuítas. E na federación, co tremor que supón afrontar o pulso do gran campión, tentan relaxar o lance decindo que se trata dun problema persoal que debe ser resolto lonxe do ámbito federativo.

Gómez Noya está nunha posición de poder; ninguén lle regalou nada ata o de agora e algo moi grave debeu pasar para agora esixir a cabeza dunha ou dunhas persoas que traballan na federación galega. O pulso está enriba da mesa: “Eu ou eles”. Tratándose de Gómez Noya a hemorraxia semella difícil de conter.

A efectos prácticos, a decisión de Gómez Noya non ten maior trascendencia. O seu vínculo con Galicia é incuestionable; sempre exerceu de galego apoiando a diferentes clubs e apadriñando actos de todo tipo para facer medrar o triatlon na nosa terra. Sen embargo, en cuestión de imaxe, ábrese unha perigosa fenda que oxalá saiba reconducir. Ata o de agora Gómez Noya sempre manexou con mestría todas as situacións e iste contratempo non debería entretelo; sobre todo tendo en conta o reto que ten entre mans nos xogos do Río.

Pero mentres non haxa solución; a cousa seguirá dando que falar. Mesmo non descarten que os políticos aparezan na escena para poñer paz -por ser quen é Gómez Noya-, disparando a discreción ata reequilibrar a situación.

Comentarios