Opinión

Ilóxico ou estraño?

'ESTRAÑO'. Podería darse a situación de que con 34 puntos se poida acadar a salvación en Primeira. Os que finalmente descendan, non poderán poñer xustificacións.

'ILÓXICO'. Albert Lopo é o xogador con máis cartóns amarelos na historia da Liga pero pode presumir de manter con vida o Deportivo. Un central goleador. Marcou en San Mamés no desconto e abriu a conta o pasado domingo ante o Levante. Só marcou estes dous goles... pero que goles¡ Lopo dá por feito que se salvan no Camp Nou. Palabra de faxador. Messi está avisado.

Falando de veteranos, Manuel Pablo, camiño dos 40 anos, retirouse lesionado de Riazor. Puido ser o derradeiro dos seus 481 partidos co Deportivo. Impecable folla de servizos.

E mirando cara ao sábado e deténdonos en Messi, xogará o arxentino ante o Dépor na derradeira xornada? Para comezar, Luis Enrique deulles libre ao seus ata o xoves para que non se aturullen cos festexos. 

O caso é que mentras Messi profanaba o Calderón; á mesma hora e bastante preto, outro arxerntino, o "Chapu" Nocioni, acababa cos gregos e dáballe ao Real Madrid unha Copa de Europa de baloncesto que se resistía desde os tempos do gran Arvydas. Consolo para Florentino Pérez, que atopou en Nocioni un hiperactivo arxentino de Santa Fe, con carácter, un pequeno analxésico para aliviar as dores de cabeza que en Chamartín provoca o Barça de Messi. Cinco ligas para o Barça nos últimos sete anos. Messi non é hiperactivo, simplemente adultera a competición.

O Dépor debe saír airoso no feudo deste devorador de títulos. Imaxinan a Lopo marcando o gol da salvación? Podería resultar estraño pero nunca ilóxico.

Comentarios