Opinión

A apaixoada tolemia de Tino e Quinteiro

NINGUÉN DIXO que ser presidente dun equipo de fútbol fose sinxelo pero no caso do Deportivo e do Compostela, o reto de superar a alongada sombra de Lendoiro -25 anos de mando en Riazor- e de Caneda -case 15 na SD- obrigou a pechar os ollos e con decisión, tirarse ao vacío. Así comezou a cruzada de Tino Fernández e Antonio Quinteiro, dous empresarios que, movidos pola paixón e o seu amor por un escudo, tiveron o valor suficiente de entrar en dos clubs desfeitos económica e socialmente. Nos dous casos, acceder á presidencia foi algo así como pisar un campo de minas, descalzo e sen a seguridade de saber moi ben cara onde ir.

Hoxe cúmprense dous anos do mandato de Tino Fernández no Deportivo. Un economista con carnet nacional de adestrador de baloncesto, que nun exercicio de responsabilidade arrexuntou un equipo de perfil técnico para tentar refrotar a nave branquiazul. “Cando chegamos ao Deportivo todas as contas estaban embargadas; nalgunha ata había un desfase de 200.000 euros. Non había un duro e aínda por riba debutei cunha derrota”.

Así foi a primeira semana de Tino no sillón de mando. “Decidín gardar silencio porque a situación era insalvable”. Non había liquidez así que a primeira chamada que fixen foi a Jaume Roures. En concepto dos dereitos televisivos, Roures adiantounos un millón e medio de euros. Aquela foi a primeira semilla sobre a que renaceu o Deportivo”.

Con aqueles cartos Tino xuntou ao vestiario e díxolles:“Non se preocupen de nada. O día 28 de cada mes vostedes van cobrar. Só lles vou pedir unha cousa. Temos que ascender a Primeira si ou si. É a única alternativa para evitar o desastre”. O Deportivo ascendeu con Fernando Vázquez e o ano pasado, despois de salvarse no último partido no Camp Nou, o club xa logrou o maior superávit económico da súa historia. “Sempre vivimos no aramio, tivemos sorte aínda que hoxendía teñamos que seguir pagando os pratos rotos, unha débeda galopante produto dunha xestión irresponsable; pero en dous anos o Deportivo xa ten a onde agarrarse, o club volve estar vivo”.

Tino Fernández evitou a desaparición do Deportivo pero no caso de Antonio Quinteiro, o Compostela non podía botar man de Roures para coller aire. Quinteiro herdou algo máis que contas en negativo. “Cando eu cheguei non existía nin o Compostela. Tivemos que refundar o club, recuperar os trofeos, devolver a dignidade da Esedé”.

En seis anos e despois de poñer moitos cartos do seu peto, Quinteiro sacou ao Compostela da Rexional Preferente para situalo na Segunda B. “Deportivamente estamos pasando un ano moi duro pero temos que salvarno sí ou sí; unha vez máis temos que sobrevivir”.

A diferenza do Deportivo, en Santiago a Quinteiro pésalle o feito de xogar nunha categoría moi desagradecida: “Non é o mesmo enfrontarte ao Sevilla ou ao Real Madrid que recibir en Riazor ao Caudal ou o Peña Sport. Por iso, cada empresario que nos axuda e cada afeccionado que vén a San Lázaro, temos que coidalo e darlle todo o noso agradecemento”.

Vidas paralelas e realidades desiguais. Así foron os comezos e son os presentes de Fernández e Quinteiro. Dous empresarios movidos por unha paixón; por unha tolemia: o fútbol.

Comentarios