Opinión

Galicia, sen máis

Sentirse galego é un sentimento e ser galego un orgullo. Con esta frase inicial penso que nos identificamos a inmensa maioría dos galegos e galegas, por encima de calquera outro tipo de connotación. Hoxe, 25 de xullo, é o día da nosa Galicia, da nosa esencia, da nosa cultura e da nosa forma de ser, obviando calquera derivación política que uns poucos lle queiran dar. Simplemente dicir que se equivocan, unha vez máis, os que queren facer ver a festividade do 25 de xullo como un evento nacionalista-separatista, alá eles.

Pero que nos vén á mente cando pensamos na nosa terra? Persoalmente, e ao ser do interior, a primeira imaxe que me vén ao pensamento é o verde da nosa terra, onde temos practicamente todo o necesario para sentirnos orgullosos de onde nacemos e de onde vivimos. A nosa paisaxe inigualable, a nosa excepcional gastronomía de insuperable calidade en carnes, peixes, mariscos, legumes, viños e pans e así un longo etcétera. As nosas excepcionais rías, praias de area branca e sedosa, combinadas co azul cristalino das nosas augas, tanto na costa como nos nosos moitos ríos. A tranquilidade e bonhomia das nosas xentes e a nosa envexable calidade de vida na nosa entrañable contorna. As nosas festas e romarías onde sentimos o calor dos nosos amigos e veciños. En definitiva, vivimos nun paraíso que en moitas ocasións non valoramos na súa debida forma. Por todo isto e moito máis Galicia non pode, non debe perder o tren do progreso, pero conservando sempre as nosas particularidades e a nosa galeguidade. E digo isto porque non houbo un cambio de tecido produtivo que posibilite que a xeración mellor formada da nosa historia teña que irse novamente do seu sitio de orixe a outras comunidades ou países ante a falta de perspectivas laborais. Tampouco a Administraccion autonómica soubo frear a moi preocupante sangría demográfica que nos podería derivar a unha Galicia sen galegos que a habíten. Sirva como exemplo os centos de pobos sen habitantes na nosa Galicia e os miles de núcleos rurais que só teñen entre un e tres habitantes segundo o Instituto Galego de Estatística. O envellecemento poboacional, o éxodo rural e un tipo de organización dispersa do territorio contribuíron a unha Galicia do interior semidesértica de habitantes.

Un sector agrogandeiro no seu peor momento en décadas, por non falar dunha industria deslocalizada e carente aínda a día de hoxe dunhas infraestruturas loxísticas adecuadas. E hoxe quero poñer en relevo á industria agroalimentaria galega, a cal se considera como unha compoñente clave da industria autonómica. Industria que debe contribuír de forma decisiva á dinamización do medio rural e á súa sustentabilidade e mellora, así como á creación de emprego. Desta forma, configurarase como un sector estratéxico da nosa economía e do desenvolvemento rural.

Desde hai xa algún tempo, as nosas empresas compiten nun mundo onde ser eficiente xa non é suficiente. O novo escenario ofrécenos unha oferta moito maior que a demanda. O cliente manda e por iso é o momento de facer o que os demais non fan, é o momento de que cada empresa busque a súa posición única no mercado. É o momento de potenciar a innovación.

A innovación é un elemento crave na competitividade seguridade, adaptación dos produtos aos novos modos de consumo, etc. A calidade e a seguridade, así como a trazabilidade dos produtos son clave.

O proceso de innovación considérase a principal forza motriz do crecemento económico nos países de economía avanzada. Por iso, o investimento en I+D+i e o cambio tecnolóxico foron cobrando importancia, ano tras ano, nas políticas económicas dos países e nas decisións estratéxicas das diferentes empresas.

Moitos e vitais retos que afrontar. Retos que nos deben facer reflexionar de quen son as persoas adecuadas para afrontalos. Este é o escenario económico, social e demográfico ao que se deben enfrontar aquelas persoas que queiran tirar con forza, constancia e habilidade do noso particular paraíso terreal, Galicia!

Comentarios