Opinión

Grazas aos ‘temporeiros’

O 31 de agosto é día de idas e vidas, de vacacións que empezan, traballos que rematan e de experiencias que tamén chegan ao seu fin, como as da maioría dos bolseiros que estiveron traballando con nós este verán e que agora emprenden novos camiños.

Lémbroo como se fose hoxe, pero o tempo corre e xa vai unha década daqueles veráns nos que eu estaba no seu lugar con emoción desbordante un día tras outro. A ilusión do primeiro artigo firmado, a primeira reportaxe a páxina completa, miña nai recortando toda canta noticia ou entrevista levaba o meu nome... son recordos impagables que seguramente tamén tiveron nestes dous meses as nosos ‘temporeiros’, como agarimosamente nos chamaban a nós naquela redacción de Lugo onde os da miña xeración fomos tan felices.

A Laura, Cristina -que se queda uns días máis-, Narazeth, Míriam, Severo e Carmen, que dende xullo formaron parte da pequena familia que somos na Mariña e nos axudaron un montón: moitas grazas e moita sorte nesta profesión tan absorbente como bonita. Agardo que estes meses entre nós vos serviran de moito e que poidamos vernos e lernos máis pronto que tarde.

Comentarios