Opinión

Desconexión

Decote escoitamos aos membros dos distintos gobernos falar dunha realidade económica e social que a nosa experiencia rexeita como falsa, así dicimos que as persoas que se expresan neses termos tentan someternos ao engado dunha realidade virtual. Durante a década anterior á pandemia escoitamos desmentir reiteradas veces que a sanidade pública estivera a devalar, aínda que experiencias como o incremento do co-pago farmacéutico nos reafirmasen na nosa percepción dos feitos e, tristemente, o desbordamento ocasionado pola pandemia, malia o seu carácter excepcional, mostrou que aínda que non espida, a sanidade pública ía lixeira de roupa. De maneira semellante, as persoas que exerciamos a docencia no ensino público eramos conscientes do estancamento nos orzamentos destinados aos centros así como da redución de prazas para o profesorado, mentres, os responsables políticos negábano ao tempo que afirmaban querer reducir o fracaso escolar (?).

Na actualidade resulta relativamente doado difundir proposicións que non teñen correspondencia cos feitos, de maneira que hai persoas e grupos sociais que, alleos á moralidade, levan a cabo dita difusión. Aínda que estamos a falar das redes sociais na súa face de canles para a transmisión de falsidades, se cadra convén mencionar ás grandes cadeas de prensa, radio e televisión destinadas á creación ou modelado de opinións, mais que á información. Novas como «abundan as denuncias falsas de malos tratos machistas», «os e as Menas son causa de inseguridade cidadá», «o conflito con Rusia supón a defensa da democracia en Ucraína», «as macro-granxas son beneficiosas para o país». «en 1936 non existía unha legalidade democrática», «a homosexualidade é unha anomalía que hai que corrixir ao igual que todas as tendencias LGTBI», «o tema ‘Terra’ das Tanxugueiras non é español» precisan ser matizadas e, no seu caso, desmentidas, (como e por quen?).

A desconexión coa realidade prodúcese en momentos de alleamento mental causado por algún ataque psicótico, mesmo de esquizofrenia, paranoia ou esquizofrenia paranoide

A influenza da difusión destas novas pode ser enorme como se coñece en España, onde hai un importante segmento de poboación persuadido de que Rodríguez Zapatero tivo algunha conexión cos atentados do 11-M de 2004, mais alá, a maior parte dos votantes do partido republicano nos EUA seguen, igualmente persuadidos, de que Trump debería ser o presidente actual por ter gañado lexitimamente as pasadas eleccións aínda que non o é polo roubo electoral perpetrado polo partido demócrata. Con menor grao de influenza pero coa mesma intención de persuadir falsamente, producíase un mestre co que realicei algunhas prácticas a remate da década 70-80, cando como profesor de Historia explicaba a segunda guerra mundial e aproveitaba para negar ante o alumnado a existencia do Holocausto.

A desconexión coa realidade prodúcese en momentos de alleamento mental causado por algún ataque psicótico, mesmo de esquizofrenia, paranoia ou esquizofrenia paranoide, doenza que, afortunadamente, se pode sandar ou, no seu caso sobre-levar co tratamento apropiado. De todos xeitos, se dita doenza fose provocada por alguén, intencionadamente e para obter beneficio, haberá acordo en que dito individuo merecería un tratamento penal polo dano causado. Aínda que o comportamento das colectividades humanas está lonxe de poder identificarse co das persoas individuais, as falsidades mencionadas tamén ocasionan dano para producir proveito a determinados grupos, e este último elemento da ecuación debe ser obxecto de análise á hora de decidir o mellor tratamento para evitar a deriva da sociedade cara a insania, así como para devolvela ao seu ser...sen electrochoques bélicos, por favor.

Comentarios