Opinión

Corazóns para Balseiro, salves para Elena Candia

 XA TEÑO PROPÓSITO para este curso. Non será ler a Proust en francés nin aprender a fornear robaliza soterrada en sal.

Este outono elexín un propósito viable e perfumado: establecer relacións coa Dereita Institucional. Non me faltan os amigos de dereitas. Os meus íntimos son conservadores ou liberais. Teño alma samaritana. Pero eles non teñen representación política, nin sequera unha asociación veciñal para uns presupostos participativos que levar á boca. Os días para lograr o meu obxectivo corren xa. Lanzo salves a Elena Candia cando fala pola TVG, poño corazóns ás entradas de Balseiro en Facebook e practico karaoke cos vídeos de Olano.


Paseaba por Campo Castelo cando vin os concelleiros do PP Manuel López e Óscar Poy tomando café. Aproveitei que estaban con Álvaro Meilán. Álvaro fixo prácticas neste xornal e agora traballa en prensa para o partido. Procurei falar e falar ata que Manuel se sentiu obrigado a invitarme a sentar. A honestidade conduce ao fracaso; así que, para empatizar con eles, empecei a criticar ao goberno local. Os bus, o carril bici, a profecía de Fátima sobre o comunismo,... O discurso non os daba convencido. Álvaro pagou os cafés con xenerosidade de atleta de triatlón, Óscar empezou a mirar o móbil agachando a barba sumeria e Manuel sorríame por educación, como Daniel no Pórtico da Gloria. Como eu non daba somatizado o seu criterio, paseime ao inimigo. Reveleilles que eliminaría os políticos para facer gobernos de poetas, onde para ser concelleiro se esixirían tres poemarios publicados; que subirían a sete para optar á alcaldía. A cidade acabaría no caos, pero a oratoria de cada pleno se elevaría a xogo floral. Poy pousou o teléfono, ordenou a seridade da súa barba e disparou a saeta: "Logo ti, con vinte libros, serías presidente da Xunta".

Comentarios