Opinión

A modiño, alcaldes

CANDO AOS alcaldes lles dá por coller o chifro e poñerse a regular o tráfico, malo. Nos últimos días tivemos dúas evidencias a nivel provincial. O rexedor de Portomarín, nun exercizo de irresponsabilidade dun cargo público, aconselloulle aos seus veciños quedar na casa, debido aos frecuentes controis da Garda Civil, en vez de respectar as normas de seguridade vial cando collen o volante. Se censados na Vila Xardín acordan non pagar as taxas municipais, Juan Serrano liderará esa insubmisión impositiva ou aplicará sancións, como establece a lei?

E o caso máis próximo é o da alcaldesa de Lugo. Lara Méndez anunciaba o pasado xoves que se vai limitar a 30 quilómetros por hora a velocidade nunha das principais arterias de tráfico da cidade, a Ronda da Muralla, e que as bicicletas terán preferencia sobre os demáis vehículos no carril da dereita. A rexedora lucense, mal que lle pese o xentilicio a Jaime Castiñeira, fixo unha proposta loable, pero que se queda coxa. Non se debería levar a práctica unha iniciativa coma esta sen ter un plan de tráfico que contemple rutas alternativas, rúas de acceso despexadas, aparcadoiros disuasorios, solucións para os previsibles atascos...

Se tamén se quere fomentar o uso da ferramenta de traballo de Contador, Valverde e compañía para circular pola Ronda, deberíase retomar o plan de alugueiro de bicicletas. Tampouco o paso dos vehículos de dúas rodas sen motor nun improvisado ciclocarril debería depender da discrecionalidade deses condutores que chegan tarde a todos os sitios. E mal imos se hai que recurrir ao celo dalgúns policías locais, a non ser que se bote mán dos convincentes complementos salariais.

E ademais é un quero e non podo coa eloxiable idea de facer unha cidade máis confortable. Día si e día tamén son dos que circulo pola Ronda, por motivos laborais, personais e, por que non, por galbana. E como usuario deste vial coido que se debería peonalizar integramente. Non só a Mosqueira, un proxecto que parece que quedou no baúl das lembrazas. Os produtores lácteos cos seus tractores abríronos os ollos dúas veces en pouco máis dun ano. A muralla, a seguridade vial, o noso sistema circulatorio e o comercio, aínda que sempre sexa o último en decatarse, agradecerían esa ambiciosa medida.

Pero a desexable peonalización dese céntrico anel de dous quilómetros e medio sería tamén errónea se non vai acompañada dunha batería de medidas para axilizar a circulación nas rúas do seu entorno.

Comentarios