Opinión

Ao outro lado da lei

HAI UNS días visitaba a cidade de Lugo por motivos familiares un coñecido meu, que vive fóra. Foi unha estadía curta, pero proveitosa. Cando marchou e nos despedimos non salientou o acolledores que somos os lucenses, nin o noso rico patrimonio pétreo e natural, nin a nosa gastronomía, nin a calidade dos noso produtos. Ogallá! Non puiden evitar poñerme encarnado cando ían saíndo pola súa boca, un por un, os pecados que converten a Lugo, aos seus ollos, nunha cidade que non cumpre a lei.

Explicoume que unha mañá que ía visitar a un familiar ao hospital aproveitou para acompañar aos seus sobriños pequenos ao colexio. Cando circulaba pola Avenida Ramón Ferreiro sufriu un sobresalto. Turismos estacionados enriba das beirarrúas, en dobre fila... Pensou que houbera un accidente. Pero o seu acompañante calmouno axiña. Díxolle que é o pan de cada día cando hai clase, desde o centro ata á Piringalla.

Non as tiña todas consigo, sobre as explicacións que lle deran, cando chegou ao Hula. Tivo a sorte de cara. Viu unha praza libre preto da entrada principal e aparcou o seu vehículo. Cando se baixou del, achegóuselle correndo un mozo ao tempo que con malos modos lle pedía cartos. Non lle deu esmola algunha e mentras ía camiñando non paraba de oílo rosmar. Xirouse, botou unha ollada e comprobou que había outros catro coactivos aparcacoches amolando aos condutores.

Fixo case unha visita de médico. Cando saiu media hora despois, estes seguían coa súa práctica. Botou unha segunda e máis prolongada ollada e non divisou por ningún lado axentes da orde que puxeran a cada un no seu sitio.

Despois foi á praza de abastos a facer a compra. Topou outra vez con turismos aparcados onde non debían estar, no carril bus, nas prazas reservadas a carga e descarga...

A última hora da tarde, en vez de ir de tapeo por unha das recomendables rutas de viños da cidade, non se lle ocurriu outra cousa que ir a dar un longo paseo polo adarve da muralla, andaina que se convertiu nunha proba de obstáculos porque tivo que ir sorteando feces de can, que donos das mascotas deixaron para dar lustre a un ben mundial con case dous mil anos de historia.

Non lle pillou por sorpresa cando lle contei que o ano pasado a Policía Local non sanciounou a ningún lucense por deixar na rúa os residuos orgánicos do seu animal de compañía.

Menos mal que ao meu coñecido non lle deu, antes de marchar, por ir ao parque Rosalía de Castro. Só lle faltaba toparse cun botellón para completar a súa ruta turística por Lugo.

Comentarios