Opinión

A Darío Xohán Cabana in memóriam

Admiraba a Darío Xohán Cabana por todo o que significou persoal, cultural e literariamente para o noso país, aínda que eu, como tradutora de oficio que son dende hai xa máis de vinte e cinco anos, admirábao, sobre todo, porque en tempos en que está de moda empregar un galego espúreo e eslamiado, cada vez máis próximo a unha koiné comprensible, debedora do castelán —o que a desautoriza, a empobrece e a neutraliza, baleirándoa de si mesma, do que foi e aínda é para moitos de nós que a falamos dende o berce e escribimos nela—, defendida por moitos axentes instrumentais, en beneficio da comprensión e da claridade dos discursos. 

Admirábao porque, malia esta nova modalidade de lingua galega que xurdiu nos últimos vinte e cinco anos, o de Roás mantívose fiel á súa concepción do idioma erudita e de cerne rural e mariñeiro, que aprendeu na boca do pobo e tamén dos devanceiros. 

Nesta alfaia primorosa que refulxe coma un diamante puído, foi construíndo Xohán Cabana a súa particular ficción, tanto histórico-novelística como poética, na que soñou unha Galicia inmorredoi-ra e independentista nun futuro inmediato e posapocalíptico que presenta o Medioevo como a oportunidade perdida de termos sido nación, levando á realidade actual a luz do espello dos tempos idos e introducindo a vella Materia de Bretaña con certo celme a Cunqueiro nunha nova aposta intertextual. 

Se a súa obra de ficción é valiosísima, no meu caso particular de tradutora, polo que máis admiraba o escritor foi, precisamente, pola esta última faceta compartida. Como tradutor, Darío Xohán Cabana logrou tecer o que, en palabras de Umberto Eco, se define como "macrotexto pluridimensional e hipertextual", nun concepto próximo semanticamente ao Humanismo do Renacemento e ao enciclopedismo do século XVIII. 
Sen lugar a dúbidas, o autor de ‘Galván en Saor’ foi unha ponte entre o Cinquecento italiano e nós, nun traballo ao que se entregou durante décadas, para ofrecernos nun galego excelso, por matizado e amplísimo, dun xeito monumental, social, lingüística e literariamente sen comparanza na Galicia actual, a Divina comedia de Dante que coñeceu dúas versións e numerosos premios en Galicia e fóra, así como a súa ‘Vita nuova’. Tamén os poetas provenzais, Petrarca, Cavalcanti e os do Dolce Stil Nuovo falaron na lingua do de Roás nun acto que é unha vitoria gloriosa para o noso idioma humillado e sometido. 

Como tradutor, Cabana foi moito máis aló das equivalencias lingüísticas, que se supón que debe buscar todo profesional que se precie, desafiando o estigma de ‘tradittore’ e fíxoo porque comprendeu deseguida que trasladar a palabra literaria dunha lingua de partida, que ocupa no sistema unha posición central a unha lingua meta, periférica, ten implicacións sociais, económico-materiais, sociolingüísticas e socioculturais altísimas, transcendendo o puramente poético.

Por iso, Xohán Cabana foi tradutor, pero tamén foi poeta, ou foi poeta-tradutor, ou tradutor-poeta, tal e como Octavio Paz recoñeceu que: "os mellores poemas das linguas de Occidente son traducións feitas por grandes poetas".

Xa que logo, italianos, provenzais e nos últimos tempos prosistas racionalistas son agora galegos porque Xohán Cabana os recreou, reformulándoos, non dende a fidelidade exquisita ao orixinal senón dende a consciencia de que traducir é coma tratar de verter mel dun frasco para outro frasco, sabendo desa complexidade dos xéneros, das figuras retóricas, das rimas, do ritmo e da emoción, pero tamén dos costumes, dos valores e dos modos de ser que toda tradución literaria traslada.

Sen dúbida, Xohán Cabana tradutor-creador desafiou conceptos como a fidelidade e a orixinalidade, o traducible e o invisible, o lugar do tradutor e o drama da ausencia de traducións ao galego das mellores obras literarias universais e fíxoo como un xogo perpetuo, consciente de que estaba contrubuíndo, dende a periferia cara ao centro, á fundación dunha literatura nacional que perdera o tren histórico por culpa dos devires políticos, para ofrecernos, nun acto de resistencia, unha literatura galega máxica, rítmica, poética, auténtica, épica, nosa, intraducible.

Comentarios