Opinión

O zoqueiro de El-Rei

LEO NOS xornais que un zoqueiro famoso enviou un par de zocas de agasallo ao rei emérito e que non podendo acudir persoalmente ao seu encontro, por estar momentaneamente eivado -o zoqueiro, non o rei-, o presente foille entregado por unha xornalista acreditada. Parece ser que cada zoca vai decorada con cadansúa imaxe, unha da raíña e outra do rei vellos, o que é un cumprido tendo en conta a sintonía e boa marcha das relacións entrambos. Segundo aparenta en fotografía, as zocas hanlle quedar ben axustadas ao pé, apenas calza un 42,5 a pesar de medir arredor de 1,85, o que permitirá que as luza na ocasión que lle conveña sen risco de accidente.

Paul Gauguin labrou, usou e pintou zocas en varias obras durante a súa estadía en Bretaña. Buscaba o primitivismo máis puro e emocionábase ao escoitar o eco do bater duns zocos sobre un piso de madeira. Mais non todo foi ben. Tras unha pelexa que mantivo cuns mariñeiros, un zoscoulle cunha zoca e provocoulle a rotura dun nocello que nunca lle curou.

Isto lémbrame, salvando as distancias de grao e rango, como lles zoscábamos nós, os futbolistas de Zoñán, a aqueles seminaristas que viñan os domingos coa misión de catequizarnos e que sempre regresaban ao Seminario cos nocellos inchados. Algunha zoca fendemos, é certo, e algunha rifa dos nosos proxenitores escoitamos pero pagaba a pena despois de atinar con tan boa puntería nun obxectivo camuflado debaixo das sotanas.

A enciclopedia Larousse que todo o sabe di que as zocas son calzado propio de campesiños e, en xeral, de xente pobre. E de seres sobrenaturais, engado eu, como o zoqueiro de Baldride, que era un demo en realidade, do que xa falou Cunqueiro.

É sabido que os nubeiros, os señores do trono e do raio, usan zocas feitas de mazaira. O desaparecido cruceiro de Rubiás (Lugo) -recompóñano por favor- púxose porque foron tres homes a carón duns castiñeiros que alí había para resgardarse dunha treboada. Dous deles, por burla, berraron e aínda repetiron: Zocas de macira! e un raio vingativo segoulles a vida. O que non falou, e non morreu, foi quen seguramente puxo alí o cruceiro que agora a treboada do desleixo deixou desaparecer.

O nubeiro que entrou pola cheminea na casa da Fonte de Romariz, en Abadín, ademais de boina e caiada, e pantalón de pana, tamén usaba zocas. E é que as zocas son moi ruidosas, imitan ben o son do trono, e tamén poden ser xenerosas. O meu avó, que facía de zoqueiro polo inverno atopou unha vez un peso cubano de ouro ao baleirar coa legra o interior dunha zoca. Non hai misterio; a moeda recibíraa de paga un parente militar tras o desastre de Cuba e escondéraa na broulla dun bidueiro.

E dándolle voltas á idea de ver a El-Rei excedente calzar as zocas que lle regalaron, poñamos que a carón dunha grella de churrascaría ou achicando auga nun veleiro, penso no moito que axudaría esa imaxe en favor da recuperación do oficio e do prestixio dun calzado que ata o de agora sempre foi usado por súbditos, algún artistas e, sobre todo, por entes do sobrenatural entre os que non sei se incluír ou non a graciosas e maxestosas maxestades.

Comentarios