Opinión

Xebranco

SUPOÑO que serán varias as lectoras e lectores que se lembren de Xoán Carlos Carreira Pérez, Calín, un lucense que leva un tempo fóra do escenario público e que agora, despois de superar felizmente un delicado contratempo de saúde, volve á vida pública coa edición do libro titulado Historia de alguén chamado Xebranco (Medulia Editorial, 2022).

Calín ou Xebranco, como prefiran, naceu en Lugo o ano 1956. É enxeñeiro técnico agrícola e foi catedrático no departamento de Enxeñería Agroforestal da USC. Autor de varios libros técnicos e de publicacións e artigos varios en revistas científicas e prensa convencional, tamén coautor con Emilio Carral do ensaio O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa (Através Editora, 2014). No plano académico, sempre na USC, foi vicerreitor de Infraestruturas, director da Escola Politécnica Superior e da Escola de Enxería Técnica Forestal. Un currículo académico-laboral e de xestión universitaria de grande mérito que non é o asunto deste novo libro.

Calín tivo importantes responsabilidades como cargo orgánico de relevancia, tanto no sindicalismo agrario, onde comezou a súa actividade, como na política pois foi un destacado actor como concelleiro, voceiro e portavoz municipal do grupo do BNG. E é precisamente destas ocupacións e vocacións como militante nacionalista do que trata o libro. Foi candidato á alcaldía en 1991 e 1994, e concelleiro ata a súa dimisión en 1996.

O libro trata das circunstancias e diferentes momentos que lle tocou vivir desde dentro da organización á que pertencía, dos contratempos, e incluso do mobbing que tivo que padecer, e das reflexións que se derivan de todas estas experiencias. Obviamente é unha lectura de parte, subxectiva como todas, pero tamén respectuosa coas persoas coas que tropezou e que cita con nomes reais ou ficticios. A moitas destas persoas, compaña de andadura política do autor, non as vai deixar indiferentes o que di.

Calín non esconde os nomes verdadeiros de moitas desas persoas. Comenta circunstancias persoais de seu, mesmo viaxes privadas e o éxito ou fracaso das iniciativas políticas coas que tivo algún vencello. Apenas hai referencias aos contrincantes políticos.

Este libro será recibido, probablemente, con enfado por parte dalgunhas persoas citadas. A ninguén lle gusta verse retratado no reverso do espello. Outras, en cambio, sentiranse reconfortadas aínda que o tempo que pasou por enriba dos feitos que se contan supere xa o cuarto de século.

Por outra parte, o autor aproveita as páxinas do libro, quizais sexa este o mérito maior, para expoñer con bastante detalle as súas ideas políticas. A súa concepción de país como obra colectiva e o seu receitario para que as organizacións cívicas, sexan políticas, sindicais ou sociais, centren o deseño dun proxecto comprensible e asumible pola maioría da poboación.

En resume, un libro que me atrevo a recomendar que lean tanto as persoas implicadas como as que, desde a distancia ideolóxica ou afectiva, teñan curiosidade por saber que pasou no mundo político e sindical nacionalista do Lugo de fins do século XX.

Comentarios