viernes. 24.09.2021 |
El tiempo
viernes. 24.09.2021
El tiempo

Visita ao Rei Cintolo

EU SÓ entrei na Cova do Rei Cintolo dúas veces, ambas na compaña de xente experta. Nunha delas facía parte do grupo o ilustrador Xosé Cobas quen tivo o capricho de pedirnos aos acompañantes que apagásemos, co consentimento do responsable da visita, as lanternas do casco de protección. Pediu, ademais, que non falásemos e que contivésemos a respiración durante un minuto. Aceptamos o reto aínda que non sen receo por parte dalgúns membros da expedición, Quería que escoitásemos o silencio naquela escuridade, cousa que aconteceu e que puidemos gozar como unha emocionante e quizais demasiado breve estancia naquela entreporta do Paraíso.

E velaí a oportunidade. O concello de Mondoñedo organiza para este vindeiro 30 de xullo unha visita diferente ás habituais. Trátase dunha oportunidade moi especial pois nesta ocasión quen se apunte terá o privilexio de percorrer durante unhas tres horas a cova ata o río interior. É probable que o propio monarca da cova, Cintolo, e a súa filla encantada presidan a recepción nalgunha das estancias que hai que cruzar durante a travesía desde a entrada ata as profundidades. Estalactitas e estalagmitas saudáranvos como gardas do secreto encantamento que alí mora.

Inspiradas na Cova do Rei Cintolo naceron varios obras literarias das que citamos hoxe soamente tres. A novela As Covas do Rei Cintolo (Galaxia, 1956) de Daniel Cortezón cuxo Cabaleiro da Centilante Espada reta ao Demo Maior para quitarlle un cacho de rabo que precisa a súa dona. Outra, o cómic A Cova do Rei Cintolo con debuxos e guión do tamén ribadense Suso Peña, publicado orixinalmente en 1982 pola Editorial Toutain, e a novela infanto-xuvenil Álvaro e Álvaro (Xerais, 2004) de Xosé Miranda, onde se narra, tras unha visita escolar á cova, un conflito de usurpación de personalidade por outro que se parece en todo ao protagonista.

Unha penúltima recomendación. Se quen se aventura a penetrar no misterio da cova ten ocasión non deixe de ler o libro máis completo que se publicou sobre esta marabilla da Natureza ata o de agora: A Cova do Rei Cintolo de Mondoñedo, da autoría de Xurxo Lorenzo e Javi Fouz, editado polo concello de Mondoñedo en 2019. Os autores, espeleólogos veteranos, son grandes coñecedores da historia e das intimidades da sima, e as 368 páxinas son a consecuencia dun traballo demorado no tempo, rigoroso na metodo loxía e crítico nas propostas e conclusións. Capítulo a capítulo van debullando o fundamental deste patrimonio natural, histórico e paisaxístico da cova máis grande de Galicia. Descríbese o labirinto que conforma, exploracións, arqueoloxía, paleontoloxía, topografía, nomenclatura, etimoloxías, literatura, lendario… Libro, ademais, abondoso en planos, datos e fotografías antigas e actuais, e que acumula o saber, o que se dixo e escribiu, con bastantes anécdotas, deste máxico e enigmático lugar des que comezou a aparecer impreso o seu sonoro nome a principios do s. XIX.

E a última petición: saúden da miña parte ao Rei Cintolo e presenten os meus respectos republicanos á princesa Manfada.

Visita ao Rei Cintolo
Comentarios