Opinión

Vindo ao San Froilán

LEVO 40 ANOS vindo ao San Froilán e agardo poder seguir facéndoo uns cantos máis. O de vir é un dicir porque, en realidade, vir vin por primeira vez en 1982 e xa quedei en Lugo para os que viñeron despois.

Quen xa levaban unha porrada de anos vindo eran os da familia Pelúdez, daquela da man de Trapacero —mesmo fixeron de pregoeiros en 2019—, e aínda seguen vindo, agora de ganchete con Xosé de Cora no papel e de Tareixa Campo e Suso Meilán de corpo presente.

Quen xa non se vía por aquí desde a década dos sesenta do século XX era Barriga Verde, resucitado momentaneamente con grande éxito en 2011 pola xente de Viravolta Títeres, pero xa non volveu, a pesar de que a barraca que construíron, que tamén visitou aquel ano as San Lucas como o fixera antigamente, imitaba con fidelidade a orixinal. Morreu o demo; acabouse a peseta!

Outras que aínda viñan pero que deixaron de facelo pouco tempo despois foron as mozas do Teatro Argentino. Os tempos estaban mudando e os destapes que fixeran furor entre o xénero masculino durante o tardofranquismo deixaron de interesar. Tamén desapareceron naqueles primeiros anos da década dos oitenta os chabolos que exhibían monstros como becerras con máis de catro patas, xatas con dúas cabezas ou a famosa vaca Juanita "el mayor fenómeno del mundo vivo" que deixara de actuar por defunción do animal nos anos finais da década dos setenta.

A vaca Juanita nacera en Sobrado dos Monxes en 1963, tiña sete patas e sexo indefinido. A caixa do camión no que viaxaba, segundo me contan Xurxo Broz e Cristina Vázquez, aínda se pode ver arrombada nunha leira no concello de Melide.

Outro espectáculo cuxa orixe está nos USA a principios do século XX e que xa desaparecera antes dos oitenta do San Froilán foi ‘El muro de la muerte’. Un señor, ás veces dous, montados en sendas motos, subían e baixaban dando voltas a toda velocidade polo interior dun cilindro vertical feito de madeira e metal. Os espectadores situábanse na parte superior para ver as temerarias acrobacias que ofrecían e degustar un fortísimo cheiro a gasolina queimada.

Un gran contratempo resultou ser o ciclón Hortensia. Visitounos entre o tres e o catro de outubro de 1984 e obrigou a tomar precaucións que evitaran males maiores. Aínda así, algunhas atraccións como unha nora ou a montaña rusa tiveron que desmontarse parcialmente, algunha caseta quedou sen teito, a unha barraca caeulle enriba un tileiro do parque Rosalía de Castro, algúns garigolos voaron literalmente e o palco onde ía actuar Milladoiro na praza de Santa María quedou inservible.

Mais ao San Froilán tamén seguen vindo clásicos como a tómbola de El Cubo e a do Xamón, os coches de choque e outras varias atraccións que xestiona a familia Camarero, as churrarías Galiano, a decana, e Don Pepe, que se despide, as mesmas que a pesar do incendio que as calcinou en 2008, seguiron adiante como se nada tivese pasado.

O 6 de outubro, na Letra das Festas, no nº 12 da revista oral do San Froilán falaremos no Vello Cárcere da pegada que deixou na memoria de quen visitou estas festas noutros tempos.

Comentarios