Hai que se pon dos nervios ao ver as cores do arco iris. Quizais se trate de persoas contaminadas de prexuízos que non saben, ou non queren saber, que o arco é un símbolo cultural universal que representa valores como paz, igualdade e diversidade.
Aquí chamámoslle preferentemente arco da vella e por esa vella preguntamos. Non sabemos con certeza de quen se trata, nin tampouco o motivo profundo polo que Gilbert Baker escolleu as súas cores como bandeira do colectivo LGTBI.
Dise que onde pousan os extremos do arco da vella hai un tesouro e que a persoa que pasa ou mexa debaixo del cambia de sexo; xeralmente pasa de varón a femia. Se é home, ademais, pode secarlle o pistolo. En cambio, se unha muller salta ou pasa un sombreiro por riba del, pouco probable, converteríase en varón. Quizais teña que ver con isto o esconxuro "Arco da vella vaite de aí, que as nenas bonitas non son para ti".
"Arco da vella, tempo de merda" e outros múltiples refráns vencellan a súa presenza aos prognósticos meteorolóxicos, sobre todo á abundancia de choivas. Dise que cando ten sede e bebe nos ríos, nos encoros ou nos mares quita a gorra, unha pucha feita de pedras preciosas que enriquecería a quen conseguise roubarlla. Ninguén foi quen.
Taboada Chivite recolleu a crenza de que as cores escuras pertencen ás vellas e as claras ás mozas, que nel viven as bruxas, causantes de tantas maldades, e que a fin do mundo será anunciada por, entre outros avisos, corenta anos de fame e seca nos que non se deixará ver.
Todas esas capacidades e atributos fan pensar nunha antiga deusa con nomes diferentes segundo a xeografía cultural, capaz de premiar ou castigar, de conceder riqueza, cambios de sexo e ata o goberno do tempo climatolóxico. A vella representa a memoria dunha gran divindade que se resiste ao esquecemento, unha deusa tecedora de destinos, que pasa o ferro e fai requeixo, entre outros quefaceres. O arco, simbolicamente, é porta ou ponte para o tránsito das ánimas entre o mundo dos vivos e dos mortos. Para iso foi creado pola deusa grega Iris, para manter sempre comunicado o olimpo dos deuses co val de lágrimas dos humanos.
Esta denominación arcaica e antiga de noso derivou noutros lugares en nomes cristianizados como arco da Virxe, de Noé, de San Xoán, de San Martiño, do Señor.
Se cadra a vella é a nosa moura que se aparece fiando na roca polos camiños nocturnos, a que rexe os destinos humanos, a mesma que carrexa na cabeza con forza poderosa penedos xigantes. Se cadra é a Orcavella de Fisterra ou a vella que peneira cada noite invernal un cobertor de xeada.
Tamén debe saberse que hai un arco da vella branco, cor cinsa prateada, que reflicte a luz da lúa como o que viron o P. Sobreira ás once da noite do 18 de xullo de 1798 en Cabeza de Meda e o navegante Sarmiento de Gamboa na noite do 25 de marzo de 1580.
Contemplar o arco da vella, sexa branco ou iris coas sete cores características, fascina. Cando o vexan, pidan un desexo pero non o sinalen directamente co dedo ou coa man; pódeselles torcer ou, infortunio maior, chegar a secar.