lunes. 25.05.2020 |
El tiempo
lunes. 25.05.2020
El tiempo

Un conto chinés

O Covid-19 vén, disque, de China e canto máis tempo pasa parece que, despois de percorrer o mundo enteiro, a solución tamén pode chegar de China. Un, cauto e desconfiado, non opina sobre cuestións metafísicas e só propón, mentres o tempo avanza a favor da esperanza, reflexións que veñen, como non, da sabedoría enquistada na memoria e na experiencia. 
En China dise que non existen enfermidades que non se poidan curar senón medicamentos que non se poden atopar.
Unha muller vella enfermou e ninguén sabía nin como se chamaba o mal nin que remedio o podía curar. Tiña dous fillos; o maior era médico do emperador e o segundo, o que a coidaba, decidiu levala á consulta do irmán maior. 
O benxamín carrexou a súa nai ás costas —non había aínda carros nin coches— ata o consultorio do médico. Tiveron que esperar a pesar de seren da familia pois o galeno estaba moi solicitado. Cando, por fin, os puido atender, o fillo médico sentenciou —e así llo dixo confidencialmente ao irmán— que había remedio pero que non o podían pagar polo que a morte da nai era irremediable. E ofreceulles uns poucos cartos para os gastos inevitables que en ningún caso chegarían para mercar a menciña salvadora. 
Nai e fillo, non lles quedaba outra, volveron para a casa. No camiño a nai tivo sede e pediulle ao fillo que lle procurase auga, así que o mozo pousou a nai onde puido e buscou auga pero a canícula secara fontes e regatos, e non había onde coller un grolo. O mozo xa desesperaba cando descurbriu un templo, e dentro un incensario con auga estancada na que se  refrescaban dúas serpes. O rapaz non o pensou; desfíxose das cobras e levoulle o recipiente coa auga á nai. 
Aquela auga insalubre aliviou os padecementos da nai e desque bebeu o Ceo bendiciunos con tanta e tan abundantes choivas que tiveron que buscar onde resgardarse. Deron cun soportal dunha casa cando sentiron os choros dun bebé. Eran os primeiros dun neno acabado de nacer e os da casa, felices pola chegada ao mundo da nova criatura atenderon aos que andaban os camiños naqueles condicións, abríronlles a porta e obsequiáronos con tortas de millo e ovo que a nai comeu con insospeitado apetito.
Cando amainou o temporal, volveron ao camiño. A vella a cada hora melloraba. Mesmo recuperou a vista que, pola idade, se lle fora murchando coma chama de candea que se apaga. Aos poucos días, volvía a gozar de plena saúde como se non pasase nada.
O fillo pequeno púxose tan contento que foi ver ao irmán médico para contarlle o milagre. 
Imposile! —dixo— Só podería curar se bebese auga onde se bañasen dous dragóns e se comese tortas de millo e ovo feitas na casa onde nacese unha criatura excepcional. 
Esa fora a medicina que conseguiran sen sabelo. Buscaron aquela xente, déronlles as grazas e o máis novo, que por xustiza era quen o merecía, ofreceuse para apadriñar aquela criatura que había ser única e extraordinaria. 
Mais aquela xente díxolle que non, que só merecía ser padriño o irmán que exercía de médico do emperador!
Menos mal que xa avisei, que se trata dun conto chinés!

Un conto chinés