miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Todos os Santos

O PASADO 1 de novembro, día de Todos os Santos, a igrexa católica de rito latino honrou a aqueles fieis que superaron as probas de purificación e gozan da vida eterna, os que acadaron a santidade pero que non figura o seu nome propio no santoral. O día 2 dedícase a ofrendar a memoria dos Fieis Defuntos, os que faleceron pero que se supón que non superaron aínda a fronteira que deslinda o antigo Catarterio ou Purgatorio do beatífico Ceo. Quedan excluídos destas celebracións os máis de sete mil santos e santas, beatos e beatas canonizados que figuran no Martiriloxio Romano e tamén, naturalmente, os vivos.
A igrexa tardou en fixar con carácter definitivo estas dúas celebracións. Tras as grandes persecucións decretadas contra os cristiáns por Diocleciano no s. IV, nas que moitos deles foron torturados e asasinados, un gran número destes perseguidos foron considerados mártires. Tempo despois, para lembrar a morte destes mártires a igrexa fixou como data para lembrar o seu exemplo e memoria o 21 de febreiro, pois coincidía co final das Parentalia, festas nas que os romanos lembraban os seus defuntos.
No s. VII, San Isidoro di que se celebraba uns 20 días antes da Pascua. No 610, o papa Bonifacio IV consagrou o Panteón de Roma aos mártires e fixou no 13 de maio a honra de Todos os Santos xa que os romanos celebraban nestas datas as Lemuria para acougar as perigosísimas ánimas chamadas lémures. 
Por fin, no s. VIII, o papa Gregorio III estableceu como data de conmemoración de Todos os Santos e Fieis Defuntos os días 1 e 2 de novembro para que coincidise coa do Samaín do mundo céltico, aínda que non vai ser ata o s. XIV cando Roma decide oficializar o culto aos mortos o 2 de novembro. Entón as festas romanas denominadas Parentalia xa estaban esquecidas pero non o Samaín, fin e inicio do ano celta. Os americanos do norte, como saben, trouxéronnos de volta, inspirándose na mesma celebración que lles levaran os irlandeses, o Halloween.
Xa nos tempos de Guevara, bispo de Mondoñedo no s. XVI, andaban os mozos polas portas de falcatruada e pedindo comida nestas noites de primeiros de novembro, como facían ata hai pouco os mozos do Cebreiro cando ían de porta en porta na noite de Santos, comendo castañas pois cada castaña que se come deixa unha ánima purgada.
Engadámoslle a todo isto a tradición dos calacús que consiste en baleirar cabazas, pórlles unha candea acendida no interior, decoralas ou recortalas para simular caveiras de defuntos. Divirtámonos nos magostos asando castañas, froito funerario, sabendo que cando estouran no lume queda libre do Purgatorio unha ánima. 
Coas visitas  e ofrendas que practicamos nos camposantos, rito a rito imos completando unha longa tradición que sintetiza crenzas nas que os vivos nos lembramos dos mortos, purificados ou en proceso, e de que nós mesmos somos candidatos seguros a migrar cara ese estado. As datas escollidas para esta celebración, cando chegan os fríos outonais que anuncian a hibernación ou morte temporal da Natureza, non son casuais.

Todos os Santos