Opinión

Un tesouro en botes de Nesquik

A ESTAS alturas xa non hai ninguén que non saiba que un veciño de Sober atopou un tesouro nunha casa que mercou e que está restaurando no lugar da Pousada, parroquia de Millán. O tesouro ten figura de billetes e suma nove millóns das antigas pesetas. A mágoa é que a nosa antiga moeda oficial xa non cotiza no mercado de cambio de cromos desde o ano 2021; ata daquela o Banco de España daba por cada billete de 5.000 pesetas, 30 euros.

O tesouro manifestouse caprichoso. Foi aparecendo en veces, e fíxoo ata o de agora agachado dentro de botes de Nesquik que se presentan a pares en distintos puntos da casa como o forno ou a artesa. Tamén os avistaron no interior dunha máquina de sulfatar.

O tesouro, en xeral, é caprichoso. Ademais, como sabemos por tradición, é un ser vivo que pode transfigurarse e deixarse ver con aspecto de moedas ou billetes pero tamén de imaxes de santos, de ferramentas de uso cotiá e incluso pode imitar unha galiña coa súa larada.

Ás veces, o tesouro imita cinsa almacenada nunha ola de barro e só cando nos desfacemos dela por considerala inútil conseguimos ver que o que se esparexe coa ventada é, en realidade, finísimo po da cor do ouro.

Hai moitos máis tesouros dos que se cre. O caso é intuír que o son e, se é preciso, dominar a arte de desencantalos ou valerse de alguén que saiba convertelos en algo útil.

Outro dato a ter en conta é que o tesouro ten mobilidade e non permanece no lugar no que foi oculto, sobre todo se o tempo transcorrido entre escondelo e atopalo foi prolongado. Neste caso, o tesouro, que vai aparecendo en botes de cacao reciclados, non tivo porque ser depositado, necesariamente, nesa casa nin neses escondedoiros.

Segundo o publicado polos medios estes días, a natureza deste tesouro puido estar no devezo aforrador do defunto Manuel do Xentes quen, entre outros oficios, se dedicou á trata de gando como fixera o patrucio sarriano Antón de Marcos, cabeza dunha descendencia de filántropos e empresarios que fundaron marcas galegas como Zeltia ou Cementos de Oural. Preocúpame que foi do po de cacao que albergaban en orixe eses botes. Non descartaría que co tempo ese po, véndose caducado, aborrecido de que ninguén o fose tomar, decidise transformarse en billetes fóra de circulación pois outra propiedade que teñen os tesouros é burlarse da ambición humana. O tesouro tamén perde o seu valor se quen o atopa o manipula precipitadamente ou o fai público. Hai segredos que endexamais se deben revelar.

Aínda que o actual propietario da casa dixo que dar co tesouro fora "unha alegría que non hai diñeiro que a pague", supoño que máis ledo estaría se dese coa maneira de virar os billetes en pesetas por outros en euros.

Se eu fose Toño Piñeiro, en caso de apareceren novos botes de Nesquik con máis billetes deixaríaos quedar onde están e non llo diría a ninguén. Recomendaríalle, como cando se mira coa ansia se as galiñas puxeron ou non un novo ovo no niño, que vixiase os botes en cada visita á casa e que agardase a que o tesouro decidise libremente, por vontade propia, volverse de curso legal.

Comentarios