Opinión

Suso de Foz e Mondoñedo

O 11 DE XULLO despedíase, a petición propia, Suso Fernández como Cronista Oficial de Foz, distinción para a que fora elixido en 2001. Foi o primeiro Cronista da historia de Foz e un amigo de Mondoñedo que agora é relevado en tan honroso cargo por Xoán Ramón Fernández Pacios, outro amigo de Mondoñedo que vai ser, xa o vén sendo na práctica, outro excelente Cronista Oficial de Foz.

Non tiven moitas ocasións de falar con Suso pero esas poucas foron suficientes para recoñecelo como dos bos e xenerosos, merecente das moitas homenaxes públicas que se lle teñen tributado e aínda doutras medallas que se lle deben e que non recompensarían todos os seus méritos. O que si fixen foi ler moitas das súas crónicas e opinións impresas, sempre lúcidas e, cando a ocasión o requería, moi agarimosas con Mondoñedo.

Da traxectoria vital de Jesús Fernández López e do seu bo facer profesional no eido cultural e empresarial xa se ten falado moito e moi ben. Libreiro, impresor, escritor, articulista, historiador dinamizador social e cultural... Ademais de bo e xeneroso, e guía na proa de iniciativas necesarias para mellorar Foz e a Mariña enteira, desde Mondoñedo debémoslle unha recompensa polo agarimo que sempre nos regalou. En Mondoñedo ten participado en numerosos actos (conferencias, faladoiros...) e recibido tamén mostras de afecto por ese amor que confesa sentir por moitas e moitos miondonienses, e especialmente pola xenerosidade que recoñece percibir das xentes e da urbe que el denomina desde hai tempo, e con moi bo criterio, "a cidade do museos".

Son moitas as anéctotas e historias con vencellos mindonienses que Suso ten recreado en conversas e en varios dos seus artigos. Sempre lembra a relación comercial que houbo historicamente entrambas poboacións como foron e son habituais os veciños de Mondoñedo que pasan todo ou boa parte do verán en Foz. O cine Cageao, a sala Bahía, os exames do carné de conducir, a ITV, Facenda, San Martiño, Caritel... son memoria compartida.

Un precursor desas comunicacións foi precisamente un tíoavó seu, Antonio de Botes, quen, primeiro cunha dilixencia tirada por cabalos e logo co ómnibus El Focense, popularmente Botes, mantivo regular tránsito de persoas e viaxeiros, Masma arriba e abaixo. Outro pioneiro, o propietario do primeiro cine que houbo en Foz, de alcume Papaíto, fíxose cunha rartaruga que chegou nun barco ao porto e non se lle ocorreu mellor negocio ca exhibila no San Froilán e nas San Lucas. Conta Suso que o voceador do prodixioso espectáculo era o pai de Manolo Montero (o Merlín de Cunqueiro) e que foi preciamente nunhas San Lucas cando o quelonio entregou a vida. Sucedeu desta maneira. Un fillo de Papaíto era o encargado de renovarlle a auga salgada que precisaba regularmente para sobrevivir pero o rapaz, urxido de amores florecidos na verbena, en vez de achegarse ao mar de Foz, cargou no Masma auga doce, o que non favoreceu a saúde do animal.

Grazas, amigo Suso, por tanto e tan bo facer! Que a saúde che regale moitos anos de vida co mesmo cariño que ti lle regalaches a Foz e a Mondoñedo.

Comentarios