Opinión

Shoe Tossing

Moi antiga perece se a idea de que colgar as botas dun cable contribúe a mellorar a sorte e prosperidade dese lugar

HAI UN días a miña filla mandoume unha fotografía dunha rúa de Manhattan na que se ven penduradas dun balcón un par de ducias de zapatillas usadas. Chamoume a atención pola cantidade —un verdadeiro centro loxístico do ramo— e porque pensei que esta moda xa pasara a mellor vida.

Desde principios da década dos 90 do século XX foise xeneralizando por todas as cidades e vilas europeas e americanas, tamén nas galegas, o costume de pendurar unha ou máis zapatillas ou zapatos dos cables telefónicos ou da luz, de balcóns ou de árbores. Este fenómeno denóminase en inglés ‘Shoe tossing’ —zapatos colgantes— e Shoefiti —shoe+grafiti—, atendendo á súa consideración como arte urbana, expresión artística coa que se pretende decorar o espazo ou simplemente realizar unha chamada de atención.

A técnica consiste en amarrar varios zapatos ou zapatillas cos seus atumes e logo lanzalos ata conseguir penduralos dun cable ou doutro soporte. Suponse, aínda que non hai unha certeza absoluta, que esta práctica comezou nos barrios periféricos ou marxinais dalgunhas cidades norteamericanas como símbolo identificador dos territorios de actividade ou ocupación de determinadas bandas xuvenís. Tamén hai quen supón que comezou nos cuarteis militares americanos, desde onde se exportaría aos países onde Usa ten bases militares, e que estaría en relación coa expresión colgar as botas; ou sexa, como celebración do remate do período dedicado ao oficio militar. Parece ser que na Península tamén se xeneralizou esta práctica a partir de 1995, comezando por lugares próximos a acuartelamentos.

O significado deste costume, a pesar de todo, resulta enigmático. Son moitas as interpretacións que se fan e por veces ben distintas. Entre as máis coñecidas e populares está a de que indican a proximidade dun punto de venda de droga; a cor e a variedade do calzado sinalaría que tipo concreto de droga se expende. Outra, en memoria e homenaxe a alguén que morreu no lugar vítima da violencia dunha banda contraria, ou a un delincuente morto en combate. Un código okupa que indicaría casa dispoñible por falecemento do dono ou por outro motivo, para favorecer a cobertura dos teléfonos móbiles xa que, ao parecer, os zapatos que teñen a sola de goma melloran a cobertura. Moito máis antiga parece ser a idea de que colgar as botas dun cable contribúe a mellorar a sorte e prosperidade dese lugar.

Nesta liña están as interpretacións que aseguran que hai inmigrantes africanos que cando atopan unha ocupación estable colgan o seu vello calzado nun lugar público en sinal de mellora e da posibilidade certa de mercar outro novo. Tamén poden anunciar unha voda, celebración da fin dun curso académico ou que un ou unha adolescente anuncien ao mundo desta maneira que deixaron de ser virxes.

Na película Big Fish (2003) de Tim Barton, Edward Bloom, o protagonista, chega a unha pequena vila na que se ve un cable cheo de zapatos pendurados. A xente deixaba alí o calzado querendo dicir que xa non desexaban camiñar máis, que aquel era o lugar onde querían quedar para sempre.

Comentarios