lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Segredos de Foz

O pasado 12 de agosto tiven a honra de compartir mesa co crítico literario Ángel Basanta e co xornalista e escritor Carlos G. Reigosa para presentar na Casa de Cultura Manuel María de Foz a novela 'Segredos de Bretaña' (Xerais, 2016). Non se trataba, pois, da posta de largo dunha novidade editorial senón dunha chamada de atención sobre o descoñecido vencello da historia que se conta nesta obra con Foz (Bretaña) e, por extensión, con toda a Mariña (a Bretaña galega en palabras de Cunqueiro) e coas terras altas brañegas que lle fan as beiras. O acto, organizado por Librería Bahía, contou coa asistencia de numeroso público.
O da Pastoriza, Carlos G. Reigosa, goza de grande recoñecemento entre os lectores galegos desde que se publicou, tras recibir o premio Xerais 1982, 'Crime en Compostela'. Novela que enceta o xénero negro en galego e que figura entre as nosas máis vendidas. Tras esta obra viñeron outras moitas, a maioría en galego pero tamén en castelán, e ensaios como 'El regreso de los maquis' ou 'La agonía del león', polos que Reigosa tamén é considerado un especialista no campo da investigación sobre guerrilleiros, fuxidos e maquis durante o franquismo.
'Segredos de Bretaña' ten o epicentro en Foz pero os múltiples personaxes que lle dan corpo deambulan polas terras circundantes, tanto da Mariña como da Montaña. O peso da investigación lévao o xornalista e escritor Isauro Guillén Márquez, instigado desde a noticia de apertura, a desaparición hai anos da moza María Ledo, pola pousadeira “escrutadora, desinhibida”, Esperanza Rielo.
Amais de pola intriga que nos conduce pola memoria da posguerra, quen se achegue a esta novela quedará atrapado pola certeira introspección psicolóxica que nos fai o autor dos personaxes principais. Reservados, curiosos, cautos pero tamén astutos e decididos. Confróntanse aquí o pensamento lóxico e racional do detective profesional coa tradición máxica, a praxe policial coa fantasía intuitiva que tira do nobelo sempre atractivo das crenzas populares.
Tamén se confrontan as maneiras de entender a vida destas xeografías, as do mundo do mar e as brañegas que se soen tratar entre si con indiferenza, con formas de pensar distantes a pesar de seren veciñas.
A novela está inzada de reflexións e interrogantes sobre múltiples asuntos, desde o propio oficio de escribir ou contar ata as lecturas que cadaquén fai dun pasado, con matices ben diferenciados, traumáticos e inzados de odio, represión e medo.
O contrapunto pono unha organización que se denomina Mesa Redonda da Bretaña do Sur, unha especie de consello de sabios que representan a memoria espiritual, que nos conduce por uns evanescentes camiños de rei Artur e do mago Merlín, e que son máis partidarios da memoria mítica que da verdade verdadeira. Unha homenaxe a Cunqueiro que foi quen, no seu día, dixo aquilo das tres Bretañas, a anglosaxoa, a francesa e a galega con centro de gravitación nesta Bretaña do Sur; ou sexa, Foz.
Lector ou lectora, 'Segredos de Bretaña' non o defraudará. Ao contrario, guiarao liña a liña, desde a primeira á última páxina, sen que apenas poida respirar.


 

Segredos de Foz