Opinión

Santos Inocentes

Segundo algúns investigadores, a matanza dos nenos de Belén menores de dous anos ordenada por Herodes debeu ter lugar uns dous anos despois do nacemento de Xesús pero non está claro, de todos modos, ¿en memoria de que inocentes celebramos o 28 de decembro?. 

J. Caro Baroja, ao estudar as orixes do Entroido e a súa vinculación coas festas de tolos ou de elección de obispillos que se celebraban nesta data, opina que estes inocentes poden ser as ánimas dos devanceiros, e que as máscaras serían a súa representación.

A Morte dos Infantes Inocentes celebrábase pola igrexa xa no s. V. En principio, as imaxes representaban a execución por precipitación ou despezamento contra o chan. Máis adiante, a partir do s. X, a iconografía representábaos feridos polas lanzas dos soldados de Herodes. Nun principio o día escollido era o 8 de xaneiro e no s. X aparece nun calendario mozárabe con dúas datas de celebración, o 29 de decembro e o 8 de xaneiro. 

Estes nenos son considerados os primeiros mártires cristiáns xa que foron bautizados co seu propio sangue. Asegúrase que o corpo incorrupto dun deles está nunha furna que hai na sancristía da catedral de Valencia, e que a camisa doutro, doazón de Isabel a Católica, está na Capela Real da Catedral de Granada. 

Nun dos muros interiores da catedral de Mondoñedo consérvase un mural con pinturas góticas datado entre finais do s. XV e principios do XVI cuxa lenda di: "Estes son los santos Ynocentes que el rey Erodes mandó degolar…". 

O Día dos Santos Inocentes é, sobre todo, unha xornada de burlas a ver quen cae de incauto. Neste día os xastres mandan os aprendices ir buscar a pedra de afiar as agullas, fanse recomendacións como cortarlles o rabo ás vacas para que non mosquen; téntase, con enganos, que outros carrexen pesos inútiles ou innecesarios, que fagan recados imposibles, atráncanse camiños, fanse desaparecer cancelas e portas, sóbense ferramentas, carros ou animais ao bico das árbores, pendúranse do lombo dos inxenuos papeis con figura de burro ou farrapos, déixanse ao descoido paquetes baleiros, regalos e diñeiro falsos, fanse circular rumores... 

A Festa dos Inocentes foi, en certo modo, a continuación das irreverencias das antigas Saturnais. Invertíase a orde, mandaban tolos, criados, nenos e acólitos. Chegaron a celebrarse dentro das igrexas xogos e representacións con personaxes ridículos, facendo uso de vestiduras sagradas, remedando e parodiando para provocar risa actos litúrxicos con nomes tales como Festa dos Obispiños, Festa do Burro ou Festa dos Tolos. Foi costume tolerado e promovido pola igrexa como recoñecemento á inocencia. 

A Festa do Obispiño ou Bispo dos Inocentes consistía en escoller un meniño, xeralmente de coro, para que vestise e exercese de bispo nese día, facendo parodia das cerimonias relixiosas. As constitucións do bispado de Lugo de 1669 prohiben o uso de roupaxe sagrada para facer parodias de relixiosas pero na catedral de Ourense, malia as prohibicións, seguiuse ata o s. XX o costume de que os acólitos mandasen e dirixisen rezos, misa e coro nese día.