Opinión

As San Lucas e as pandemias

Non van ser, non poden selo, estas San Lucas 2020 as de maior lucimento dos seus case novecentos anos de historia. As circunstancias non son as idóneas nin para celebrar nin para convocar pero si para aprender, meditar e preparar as que virán no futuro máis inmediato. Aínda así, co sentidiño posto no seu desenvolvemento, vai haber San Lucas este ano.

Así sucedeu na anterior gran pandemia, a da gripe de 1918. Non teñen por que repetirse mimeticamente as circunstancias aínda que se parezan como gotas de auga, nin debemos crer que se poden resolver da mesma maneira pero o certo é —bendito refraneiro— que nunca choveu que non escampara.

As circunstancias de 1918 parecíanse moito ás deste 2020. Contaxio, enfermidade, morte, prevención e medo pero tamén necesidade de seguir adiante, comendo e, en definitiva, vivindo.

As San Lucas de 1918, seica a petición dalgúns veciños de Mondoñedo, foron prohibidas polo goberno civil en aplicación dunha orde do Ministerio de Gobernación. Mais, na fina liña do alto risco, a presión social —a necesidade talvez— de certos gandeiros e tratantes logrou que houbese algo de feira.

Concorreu pouca xente, obviamente. A Garda Civil intentou coutar a chegada dos animais e dos seus donos ao Campo dos Paxariños pero cando resultou inevitable procurou manter a orde para evitar males maiores. Nin houbo espectáculos nin outros alborotos; os prezos das transaccións, iso si, caeron en picado.

Para As San Lucas de 1919 a situación da pandemia xa mudara radicalmente. Organizáronse con tempo e duraron desde o 17 ao 21 de outubro. Houbo tómbola benéfica, vendeuse lotería de Nadal con recargo, houbo músicas variadas, moitos fogos de artificio con múltiples e vistosas figuras, globos, iluminación eléctrica nas rúas, prazas e paseos, e ata se iluminou artisticamente o rosetón da catedral. O entusiasmo fixo revivir a esperanza nunha pronta chegada dun ferrocarril eléctrico que axudase a reverdecer mellores tempos.

Tan bo foi o resultado das de 1919 que un mes despois, en novembro, xa se celebraban reunións preparatorias para que as de 1920 fosen aínda mellores. En setembro, o recadado xa superaba as 2.500 pesetas. O deputado en Cortes polo distrito, Felipe Lazcano y Morales de Setién, arremangouse e puxo do seu peto outras 250 pesetas que poucos días despois xa se superaban as 4.000.

Falouse de levantar un palco na praza da Constitución con cuberta de lona que sirva de «tornavoz y de preservativo contra la lluvia». Os carteis, de gran tamaño e a varias tintas, cun programa para catro días impreso por Edesio Mancebo, distribúense por todos os recunchos.

A concorrencia foi enorme. O tempo portouse e ata se cumpriu o vello oráculo; choveu arreo no San Froilán e nos días das San Lucas o ceo vestiuse de azul.

Debeu ter moito que ver a calidade da pirotecnia que, como en 1919, estivo a cargo de Manuel Millarengo, de Xubia, un apelido de longa experiencia e acreditada sona que nesta cita logrou marabillas visuais e sonoras.

Pois así serán, seguro, as San Lucas que virán tras as deste pandemonio 2020.

Comentarios