Opinión

Roseiras de rosas roxas

reigos

ESTE mes cómprese cen anos da inauguración do mausoleo que a comunidade mindoniense na Arxentina doou en memoria de Manuel Leiras Pulpeiro. O día 17, coincidindo coa celebración das San Lucas, lembraremos esa feliz circunstancia e renovaremos diante da súa tumba o inmenso afecto que el mereceu e que aínda hoxe se lle profesa.

Como é ben sabido polos que coñecen a vida e obra deste home excepcional, Leiras fora soterrado tras o falecemento o 9 de novembro de 1912 na chamada parte neutra do cemiterio municipal de Mondoñedo. A unha persoa que ousara casar polo civil, formar parte da masonaría e militar no Partido Republicano Federal, Roseiras de rosas roxas ou quen desde os seus versos recriminara con valentía os vicios e pecados do que el chamaba a cregaxe, non se lle ía permitir o soterramento na parte sacra do recinto!

Leiras foi na súa vida profesional e social un home bo. Como médico foi xeneroso cos necesitados e como poeta e lexicógrafo, un rescatador da lingua e das formas populares. A pesar da súa humildade e desas pexas ideolóxicas e relixiosas que o sinalaban, o cariño da xente do común quedou patente naquel acto ao que acudiu numeroso público e representantes das institucións e do galeguismo do momento.

Antón Villar Ponte, Eladio Rodríguez, Uxío Carré Aldao, Lois Peña Novo e Vicente Risco acompañaron naquela tarde-noite do 30 de outubro de 1921 as autoridades locais e ao principal promotor do acto, Fernando Lorenzo Rico (Mondoñedo, 1875; Bos Aires, 1952), quen actuaba en representación dos mindonienses na Arxentina. Comerciante de considerable fortuna foi clave na refundación do Centro Galego bonaerense en 1907, fundou a sociedade Mondoñedo e Distritos, creou e financiou a revista Céltiga, promoveu homenaxes a Veiga, Noriega e Leiras, sempre activo no auxilio da terra natal desde un ideario nidiamente nacionalista.

O acto tivo dúas partes. Primeiro visitaron o cemiterio onde sobre a lápida se colocaron varios ramos de flores, entre eles un coa lenda ‘A clas desherdade ó seu bon defensor’ e tras os parlamentos dos principais asistentes, cantouse o himno galego. Despois, no Casino, a partir das dez da noite, pronunciáronse varios discursos.

A campa componse dunha lápida de mármore cunha inscrición que lembra os principais datos biográficos e que remata ‘Amou a verdade e practicou o ben’. Na cabeceira, unha columna truncada de granito sobre a que se apoia un busto de Leiras en bronce. Tense relacionado a columna coa simboloxía masónica aínda que, sen descartala, tamén pode representar unha vida mutilada por unha morte prematura.

Un poema de Leiras, excelentemente musicado por César Morán, di: "Se cando me fine, as campás/ do meu lugar non me choran/ se, onde os meus, achegadiña/ non abren logo, a miña cova,/ e enriba dela non poñen roseiras de rosas roxas/ ben roxas, como as que eu coido con amor na miña horta/ que non me chamen para o ceo,/ que non vou, non sendo á forza".

Se visita a tumba de Leiras verá este poema gravado sobre unha placa cerámica. Recíteo ou cánteo pois é a mellor oración que se lle pode ofrecer.

Comentarios