Opinión

Pola Mariña encantada

A MARIÑA, ancorada memoria dunha extinta provincia e sede bispal milenaria, é señorío mesturado de terra fértil e augas vivificantes, pedra e arxila, frondosos bosques e ríos saltasebes, frescas fontes e canoras fervenzas, covas enigmáticas e furnas misteriosas. A Mariña é praia, sol e sombra, camiño, sebeiro e ronsel de escuma no Mar das Baleas, que lle dicía o señor Cunqueiro.
A Mariña é campo de lendas, ritos e mitos, relatos que se nutren dun abondoso imaxinario gobernado por criaturas como as mouras, mouros, heroes e heroínas, monstros terrestres e mariños, sereas, fantasmas, meigas, demos, ánimas, santos, santas, monstros, lugar de casas encantadas, vilas asolagadas, tesouros, milagres e prodixios, que de todo hai. Des que se moldeou a lama primixenia, a Mariña foise facendo así, aos poucos, o que hoxe é, un Paraíso.

Propoñémoslles viaxar polos 15 concellos que conforman a Mariña administrativa, un territorio no que se acomodan cidades históricas como Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, unha ducia de vilas, 128 parroquias e infinitas aldeas nas que moran arredor de 80.000 almas. A garda xeográfica, non a das fronteiras senón a das esencias, fánnola xendarmes da Natureza como o río Eo polo leste, o Landro polo oeste, a Serra do Xistral polo sur e o Mar da Masma polo norte.Viaxaremos ata onde moran somerxidas as cidades e vilas asolagadas, poderemos tropezar coas perigosas lavandeiras ou cos ruíns, veremos como se interpretan as visións que agoiran morte, saberemos de túneles secretos, das propiedades curadoras de certas augas, das capacidades milagreiras de santas e santos e a que se dedican, en que traballan, por exemplo, nubeiros e nubeiras.

No mar da Mariña hai barcos de pedra, baleas xigantes, sereas e piratas. Nas grandes rochas das abas da Serra do Xistral andan escusados seres como os pagaíños, especie única entre os aparentes da mitoloxía popular galega. Os nosos heroes, poñamos por caso Pardo de Cela, San Gonzalo ou o Conde Santo, auxiliannos cos medios propios da súa condición de seren xa seres sobrenaturais.

Moitos dos lugares con lenda está asociados a espazos naturais de enorme valor paisaxístico, de grande beleza como sucede coa illa Coelleira ou a fervenza de Santo Estevo do Ermo, do Pozo da Ferida ou o Pozo da Onza. A covas como a do Rei Cintolo no interior e as da Doncela e de Xoán Vello na beiramar, a pozos piagos (profundos, escuros) ou a paraxes de interese arqueolóxico como os petróglifos das Anzas ou os castros de Zoñán e a Recadieira, amais de santuarios, capelas e ermidas, pontes como a do Pasatempo, praias, montes, festas e romaxes...

Fíxense nas ilustracións da autoría do excelente artista Neira Brochs. Observen con calma os detalles que nos regala cos seus magníficos retratos de seres e lugares; unha maneira de recoñecelos incluso antes de visitalos. Falamos de “Cen historias máxicas pola Mariña encantada“, editado primorosamente por Libros Lar, unha publicación que en cen paradas e cen historias pretende ser unha guía útil para coñecer a enorme riqueza do patrimonio mítico-lendario mariñán.

Comentarios