Opinión

Pintores na miña casa

CÓLLOLE emprestado —co seu consentimento— a Sofía Carrete García, alumna de 2º de Eso do CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro, o título deste artigo. Ela emprégao para contar unha viaxe no tempo, a memoria transmitida desde a súa bisavoa e avoa a través do seu pai para narrar a estadía na casa familiar dun pintor famoso e da súa dona.

O artista xunto coa súa esposa —Concha Cociña Ínsua— instaláronse no chamado cuarto do cura. O bisavó axudoulles a preparar un cabano con ramallos, xestas e uces que instalaron no o Alto de San Roque, lugar escollido polo pintor. Levaban un cesto con comida para pasar o día e a auga para beber e para os labores de pintar collíana da Fonte de San Roque, beira do Camiño Francés.

Na familia ten especial importancia lembrar que a esposa do pintor, que tamén lle daba aos pinceis, pintou un retrato no que aparecían segando o trigo na cortiña de a carón da casa a bisavoa, a avoa e unha tía-avoa que daquela iña 12 anos. «Saímos tal cual», contoulle a avoa, cos fouciños e as gavelas... A avoa quería mercar aquel cadro pero a bisavoa dixo que non, que ben o merecían de regalo a cambio daqueles días de acollemento. A pintora non cedeu e non houbo trato!

Sabemos polos artigos de Neumandro —pseudónimo de Ánxel Fole— publicados en El Progreso que o paisaxista Fermín González Prieto (Viveiro, 1900 – Madrid, 1987) andou por Becerreá, Cervantes e O Cebreiro polo outono de 1960, e que repetiu no verán de 1961. Confirmamos na mesma fonte que o acompañaba a esposa e que facían parada e almacén do que pintaban na casa de Antonio Rosón, en Becerreá. Durante o verán de 1961 pararon nesta casa.

Segundo J. Cora, foi Antonio Rosón quen lle facilitou un caseto de fácil transporte que lle permitía traballar á marxe dos caprichos da climatoloxía aínda que non de todos, que o inverno, cando escribe Ánxel Fole é outono do ano 1961, estaba ás portas e di que o pintor ten que retirar o seu «estudio desmontable ».

Fole comenta entusiasmado a impresión que lle causa un dos cadros que acababa de pintar González Prieto, obra de gran formato onde se ven as pallozas, as casas e igrexa do Cebreiro, obra que pouco despois sería exposta en Madrid con grandes eloxios da crítica. Para este cadro —reproducido en El Progreso o 15 de novembro de 1964— Fole e outros reclamaron con insistencia que o seu destino fose o Museo Provincial de Lugo. Ese desexo non se cumpriu e tampouco o ofrecemento que fixo A. Gil Varela, segundo publica La Noche o 10 de agosto de 1965, de doarllo ao Museo Etnográfico do Cebreiro que daquela se proxectaba.

Nós hoxe buscamos dous cadros, o do Cebreiro pintado por F. González Prieto, e o que hoxe nos interesa máis, o pintado pola súa dona, Concha Cociña Ínsua, no que aparece retratada a familia de quen nos contou case toda esta historia.

O cadro onde aparecía retratada parte da familia da nosa informante foise canda a autora e non se sabe o paradoiro. Di Sofía que a súa bisavoa daquela non sabía que un pintor, neste caso unha pintora, nunca che regala as súas obras.

Comentarios