Opinión

Pepa a Loba no Courel

Ninguén sabe con certeza se Pepa a Loba foi unha muller real que se mitificou ou se, pola contra, se trata dun personaxe imaxinario humanizado. Seguramente nunca se resolva e tampouco debera preocuparnos. Este tipo de mitos sintetizan os arquetipos da bandoleira xenerosa e o da violenta sen escrúpulos. Pepa a Loba presenta trazos de ambos; ás veces compórtase como muller cruel, asasina e vingativa, e outras como unha xusticeira forzada polas circunstancias a vivir á marxe da lei pero sensible coa xente indefensa polo que quizais encaixe mellor nun modelo misto que representa mellor a chamada peeira, a muller imaxinaria que por fada ou maldición, sen transformarse en animal, convive e guía como capitá mandas de lobos ou, como neste caso, de ladróns.

Martine Roux, da Armórica, profesora en Nantes e Angers, chegou a Compostela a finais da década dos 70 do s. XX para estudar galego. Interesouse pola obra de Cunqueiro e polos contos tradicionais polo que, orientada polo propio Cunqueiro, púxose en contacto co cura Elías Valiña e este cun fistor excepcional chamado Enrique Valle Valle, de Barxamaior do Cebreiro. O resultado daquel encontro foi a súa tese doutoral e os 25 contos publicados en Fala o fistor e faise o día (O Castro, 1982).

O conto nº 6 conta a historia dun home que tivo que pedir emprestados cinco pesos para pagar a contribución. Cando ía camiño de Folgoso pagar o tributo saíulle ao camiño un ladrón e rouboulle os cartos. O home choraba desconsolado e unha muller, que resultou ser a Loba, a xefa dunha cuadrilla de doce ladróns, preguntoulle polo motivo. Cando llo contou, ela tocou unha chifra e ao instante apareceron os doce homes. O roubado sinalou un ao que a Loba ordenou que lle devolvese os cartos, ao tempo que lle lembraba: Para outra vez, roubar e matar!

Despois os ladróns foron roubar unha casa podente de Seara do Courel e desta mataron o dono. Xa a resgardo acordaron reunirse debaixo dunhas árbores para contar e repartir o botín e foron parar xusto debaixo dunha á que subiran para pasar a noite dous irmáns; un parvo e outro agudo que decidiran por taparse se chovía levar unha porta canda eles.

Situación. Os dous irmáns coa porta subidos na árbore e Pepa a Loba cos ladróns debaixo facendo as contas. Cando acabaron, un dos cacos dixo que tiña sede e desexou que caese auga de arriba. Entón o babeco mexou e o ladrón bebeu e feliz matou a sede.

Outro ladrón por probar se funcionaban o dos desexos pediu que caese un raio que os matase. Entón, os de enriba soltaron a porta e a cuadrilla enteira fuxiu espavorecida. O paiolo baixou, recolleu os cartos e a porta e subiu á árbore con todo.

Como os ladróns querían saber o que pasara, volveron tres ao lugar do suceso. Ao ver que alí non había nada, soberbios retaron de novo a providencia e pediron que caese outro raio que os matase. Os da árbore volveron tirar a porta e os ladróns fuxiron definitivamente crendo que todo era cousa do Demo. Calquera día despois de hoxe traemos aquí outra historia de Pepa a Loba.

Comentarios