lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

A pedra da discordia

El Progreso do 27 de decembro de 1950 daba a nova dun asunto que ía supoñer catro meses de conflito entre Escocia e Inglaterra: "Roban la 'piedra del destino' de la abadía de Westminster. El hecho parece tener complicaciones políticas".

A breve nota da axencia Efe publicada en primeira centrábase na preocupación dos ingleses que temían que os escoceses, tras a desaparición da mítica Pedra do Destino, puidesen usala para "entronizar un rey escocés".

Nos días seguintes fóronse coñecendo detalles. Desaparecera na Noiteboa da Abadía de Westminster, lugar onde a gardaban os ingleses desde 1296  e os esforzos de Scotland Yard por recuperala resultaban inútiles. Aldraxe e sacrilexio eran os cualificativos máis suaves cos que os monárquicos ingleses obsequiaban aos nacionalistas escoceses, mentres algúns destes facían mofa e aseguraban que era a mellor noticia para Escocia en 750 anos.

Esta Pedra do Destino, de Scone ou da Coroación é a mesma sobre a que deitou a cabeza Xacob cando soñou a escada entre a Terra e o Ceo. Despois pasou por Xerusalén e Exipto, e  viaxou co príncipe Gatelo ata Brigancia, en Galicia. Sobre ela coroaríanse supostamente os reis galegos ata que un deles a enviou a Tara, en Irlanda, arredor do  800 a. d. C. onde fixo como Lia Fáil a mesma función cos reis irlandeses que logo faría en Scone entre o 843 e o 1296 cos escoceses. Naquel ano, o rei inglés, Eduardo I, casado con Leonor de Castela, conquistou Escocia, apoderouse da pedra e levouna a Londres.  Desde entón estivo debaixo da cadeira de Eduardo en Westminster e serviu de apoio ritual na coroación dos reis e raíñas inglesas. Se quen se coroa ten dereito, a pedra fala e confírmao.

A noticia do roubo apareceu na prensa reiteradamente. Os nacionalistas escoceses aproveitaron para pedir autonomía política e parlamento propio. Todo o mundo soubo así das súas reclamacións históricas. Unha vidente americana anunciou que a pedra estaba en Londres, nunha rúa chamada Glasgow pero a finais de marzo de 1951 seguía en paradoiro descoñecido.

Na data do roubo viran arredor de Westminster tres rapaces e unha rapaza con dous coches negros; escoceses, obviamente, segundo a prensa inglesa.

O 11 de abril de hai 70 anos chegou a boa nova. Tratábase dunha devolución voluntaria e simbólica. Os raptores deixárana sobre o altar maior da Abadía de Arbroath en Forfarshire, cidade onde se proclamara a independencia de Escocia en 1320.

Cabo da pedra había dúas cartas, unha para o rei inglés pedíndolle desculpas polas molestias, e outra para a igrexa escocesa, rogándolle que traballase para que a Pedra da Coroación volvese a Escocia canto antes. O garda dixo que a deixaran alí tres homes e lamentábase de non terlles preguntado os nomes.

Os ladróns nunca foron xulgados pero sóubose que eran, efectivamente, catro estudantes escoceses que se chamaban Ian Hamilton, Kay Matheson, Gavin Vernon e Allan Stewart.

Sáibase que a Pedra do Destino regresou a Escocia, ao castelo de Edimburgo, en 1996 coa condición de que se preste a Londres cando se coroe o próximo rei ou raíña do Reino Unido.

A pedra da discordia
Comentarios