martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

A orixe de San Lucas

A ORIXE Feiras e Festas das San Lucas de Mondoñedo está escrita nun privilexio ou regalía que o rei Afonso VII concede a Vilamaior (actual Mondoñedo) o 9 de novembro do ano 1.156.

Ordena El Rei que Vilamaior sexa instituída Civitas baixo a súa protección, que celebre un mercado común en todas as calendas do ano e oito días de feira nas festas de Santa María de agosto. E tamén ordena que a cohabitación ou convivencia se goberne segundo usos e costumes da cidade de León.

Mondoñedo, que xa era entón sede episcopal, goza a partir desta data do título de cidade, do dereito a celebrar feira anual e mercado mensual, e dunha norma que regula dereitos e deberes, tanto dos que exercen o poder como da cidadanía.

Aqueles oito días de feira anual en Mondoñedo deberon mudar axiña de acomodo no calendario por razóns de doada dedución. Mentres que a mediados de agosto aínda se realizan moitos traballos no campo, a mediados de outubro, cando os froitos xa están recollidos, rurais e vilegos teñen máis tempo a feirear e troulear sen maiores impedimentos. Ao inicio do outono pódense poñer á venda os froitos sobrantes e os animais ociosos ou que non se van poder manter no inverno; tamén é un momento óptimo para facer aprovisionamento dos produtos que chegan de fóra e como duraban varios días, ademais de comerciar, tamén había tempo para divertirse.

O traslado das feiras a outubro, concretamente ao día 18 e posteriores, non sabemos cando se produciu, pero non debeu tardar moito. Algúns investigadores consideraron durante moito tempo que o inicio destas feiras e a denominación tiñan a orixe na data de consagración da catedral de Mondoñedo, mais nada confirma, polo de agora, tal sospeita.

A sede bispal fora trasladada desde San Martiño de Mondoñedo, concello de Foz, a Vilamaior en 1136. Logo de pasar uns anos en Ribadeo (entre 1.199 e 1.218) volve definitivamente a Vilamaior en 1219, ano no que o bispo Martiño comeza a construción da catedral de Santa María da Asunción, obra que se remata e consagra en cerimonia celebrada o 19 ou o 20 de outubro de 1242.

As San Lucas, que son feiras e festas profanas radicalmente populares, chámanse así porque o seu día principal, o 18 de outubro, coincide coa data reservada no santoral da igrexa católica ao evanxelista Lucas, á marxe desa coincidencia aproximada coa data de consagración da catedral.

En 1757 foi denegada unha solicitude do concello para trasladar As San Lucas ao 15 de agosto. O concello insistiu e o 25 de marzo de 1.759 e mediante Real Cédula obtivo a autorización desexada. Debeu ser tal fracaso o experimento que o cambio só durou catro anos ata que outra solicitude do concello conseguiu outra Real Cédula datada o 23 de marzo de 1.763 na que se dispón que volvan a celebrarse nas datas de costume. Con esta sensata rectificación, As San Lucas volven ao outono e compren 865 anos. A feira de agosto morre irremediablemente pero non así a festas tanto relixiosas como profanas dedicadas a Santa María que, con moitos altos e baixos, se seguiron celebrando ata comezos do século XX.

A orixe de San Lucas
Comentarios