miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

'O segredo do humor'

A PRIMEIRA noticia sobre este ensaio fundamental arredor do humor, O segredo do humor da autoría de Celestino Fernández de la Vega, dinos que en 1960 se lle concedeu en Bos Aires o Premio Padre Feijóo, dotado con 12.000 pesos arxentinos, certame convocado polo Centro Galego daquela cidade. A Editorial Galaxia anuncia a súa publicación inmediata a finais de 1961 pero non vai aparecer nas librarías ata a primavera de 1963.

Unha vez publicado axiña aparecen as críticas e notas, quizais a primeira en El Progreso, publicada o 9 de maio de 1963, asinada por J. Trapero Pardo. Pouco despois será Salvador García-Bodaño en La Noche quen mellor nos traslade, transcribindo unha entrevista co autor, a esencia da obra do avogado, filósofo, ensaísta e tradutor de Friol.

Fernández de la Vega recoñece o impulso que lle deu á finalización do seu traballo un «cómplice e instigador» Ramón Piñeiro. Nas respostas ás preguntas de García Bodaño, o autor recoñece a dificultade de atopar unha definición do humor e destaca dous tipos de humor galego; o tenro e reconciliador, e o sarcástico, negro, desesperado. Admite formar parte do gremio de humoristas polo feito de tomar en serio o humor e cualifica de humor xovial o de Cunqueiro «que consiste principalmente en una alegre cancelación de la realidad». Considera a retranca como humor defensivo.

Ten interese, e probablemente unha alta dose de humor, a resposta á pregunta sobre o que opina da celebración do Día das Letras Galegas que nacía precisamente aquel ano 1963: «Me parece que se inicia una jornada anual de ejercicios espirituales de galleguidad que hacen mucha falta...».

Diríamos que entre as críticas, que algunha houbo naqueles primeiros meses de andadura pública do libro, destaca a de Juan María Gallego que pide que se traduza ao castelán inmediatamente, que el, a pesar de ter nacido na rúa da Cruz da cidade de Lugo, ten serias dificultades para entendelo en galego. Gran humorada!

Celestino Fernández de la Vega (Friol, 1914 - Lugo, 1986), estudou dereito en Santiago e Madrid, foi técnico da administración do Estado con destino no entón Goberno Civil de Lugo. Foi socio fundador de Galaxia, articulista prolífico, traduciu a Pokorny e a Heidegger desde o alemán ao galego. Escribiu ensaios sobre a obra de Rosalía de Castro, Valle Inclán, Otero Pedrayo e Luis Pimentel. ‘O segredo do humor’ é a súa obra máis coñecida e o primeiro e, con certeza, o máis profundo tratado sobre o humor publicado en Galicia.

Os últimos anos da vida de Celestino, Cilistro, foron difíciles. O día 29 de marzo de 1986 estaba previsto que impartise unha conferencia en Lugo organizada polo Club Valle Inclán sobre Julia Minguillón pero dous días antes sóubose que marchara da súa casa o día 25, que saíra en pixama ás tres da tarde en dirección á ponte, daquela nova, sobre o Miño. A pesar dos múltiples esforzos por atopar o seu corpo non se deu con el nas proximidades do Club Fluvial ata o 15 de abril.

Nas XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral, a celebrar en Lugo este 24 de outubro, falaremos do humor e, obviamente, desta obra capital.

'O segredo do humor'
Comentarios