Opinión

O cadro da Muralla

COAS PERSOAS migran obxectos e a historia que os singulariza. Primeiro migrou o artista, Modesto Brocos, que naceu en Compostela en1852 e faleceu en Río de Xaneiro en 1936, e despois a obra.

Brocos, tras unha etapa de formaciónen Santiago e na Coruña, marchou a Arxentina en 1871 e posteriormente a Brasil —onde introduciu a técnica da xilografía—, París e Roma para asistir a clases da Academia Chigi durante catro anos grazas a unha bolsa da Deputación da Coruña. Tras exercer brevemente como profesor da Real Sociedad Económica de Amigos del País en Compostela, en 1890 instalouse en Río de Xaneiro onde viviu, agás entre1897 e 1900, ata o pasamento, converténdose en figura moi destacada das artes brasileiras.

O cadro A defensa de Lugo en tempos de Ordoño II pintouno en Roma en 1887. Trátase dun óleo que reproduce un suceso bélico imaxinario, o suposto fracaso do cerco da cidade de Lugo polos árabes no século X. A escena que se pode contemplar inspírase nunha lenda de purificación nobiliaria e reproduce xusto o momento no que os defensores arrebolan desde as ameas da nosa Muralla un año e un cesto cheo de bolos de pan.

O asedio consistía en deixar pasar o tempo para que os sitiados se rendesen por fame. E así sucederíase non fose que os cercados idearon unha estratexia salvadora: baleirar desde o alto da muralla e enriba das cabezas dos asaltantes bolos de pan con compango, un año, aínda que sen rapar. Os asaltantes pican no engano, cren que aínda lles queda moita comida no interior e renuncian á tomada cidade.

O episodio cóntase desta guisa, con máis prosapia, en Armas i triunfos de Galicia, de Felipe de la Gándara (1596-1676). Esta escena sería a que daría orixe á casta dos Bolaños, apelido resultante dunha combinación elemental das palabras bolo+año. Hai quen engade que o año ía atado cunha correa, o que daría orixe ao apelido Correa.

A obra foi reproducida en gravado en varias enciclopedias pero quizais a descrición máis bucólica sexa a do poeta cubano Julián del Casal en 1890 que o viu colgado nos luxosos salóns do primitivo local do Centro Galego da Habana, en Reparto de las Murallas, entre lúas venecianas enmarcadas en bronce, luces de gas, teitos azuis, paredes tapizadas, columnas de xaspe e fileteados de ouro.

O cadro viaxou desde Roma a Madrid para a Exposición Nacional de 1887, e a seguir ao Salón de París de 1888. Despois botou unha temporada na Coruña baixo a custodia do irmán do autor e tamén artista, Isidoro Brocos. En 1890 viaxou a Brasil onde, segundo Neira Vilas, gustou tanto que ata foi reproducido en selos de correos. Nese mesmo ano mercouno o Centro Galego da Habana por 400 pesos de ouro e viaxou a Cuba para expoñelo, como dixemos, no vello local do Centro Galego ata que se trasladou ao novo edificio no antigo Teatro Tacón inaugurado en 1906.

Cando se extinguiu o Centro Galego en 1959, o cadro seguiu un tempo no mesmo edificio ata que Xosé Neira Vilas decidiu descolgalo e doalo ao Museo Nacional de Bellas Artes de Cuba, que é onde supoñemos que se custodia na actualidade. A Lugo, polo de agora, nunca chegou. 

Comentarios