Opinión

Norita Pereira

SEN CHEGAR ao nivel de San Malaquías, o das profecías, quen ao nacer xa sabía ler e escribir, houbo e hai nomes de nenos e nenas que gozaron de enorme sona nos primeiros anos de vida. Aínda que, falando só de músicos non todos chegaron a consolidar de adultos o que prometían desde o berce como foi o caso do virtuoso e malogrado violinista e compositor Manolo Quiroga (Pontevedra, 1892-1961). Cando xa era un xenio recoñecido por medio mundo un camión maldito atropelouno en Nueva York en 1937 e truncoulle un futuro aínda mellor. 

Historias moi diferentes foron as dos tamén músicos Pepito Arriola e Norita Pereira. Ambos foron considerados prodixios nos anos infantís mais cando chegaron a adultos os seus nomes quedaron na memoria como portentos fantasmagóricos. 

Pepito Arriola (José Rodríguez Carballeira) naceu en Betanzos en 1895 e faleceu en Barcelona en 1954. Pianista, violinista e compositor, ofreceu o seu primeiro concerto aos catro anos. Aos cinco xa interpretaba obras de seu. Formouse en Alemaña e actuou con notable éxito nas principais cidades do mundo pero desde que regresou a España en 1946 a súa sona esmoreceu. 

Norita chamábase Leonor Pereira García. Naceu en Santiago de Compostela o 3 de novembro de 1906. Os primeiros anos de formación musical realizounos baixo a dirección do mestre Curros na Sociedade Económica da cidade natal e aos seis anos, polas festas do apóstolo de 1911, actuou por primeira vez diante o público interpretando ao piano unha breve peza. 

Como nena precoz, nos sucesivos concertos que ofreceu naqueles primeiros anos de vida por distintas cidades galegas —Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo (San Froilán de 1913)— sempre mereceu o aplauso entusiasta dun público entregado. Os xornais locais e os da emigración galega en América regalábanlle eloxios en cada crónica. Cara de anxo, talentosa, delicada, miudiña, grácil como unha figulina vivente capaz de interpretar ao piano e mesmo de cantar un variado repertorio no que combinaba temas de ilustres clásicos como Beethoven ou composicións populares como a Alborada de Veiga

Despois de pasar por Lourizán e recibir o apoio de E. Montero Ríos, en 1914 presentouse en Madrid para, por mediación de Irene Ceballos, viúva de Policarpo Sanz, actuar diante da infanta Isabel e da raíña Cristina quen lle concedeu unha pensión para dar continuidade á súa formación no Real Conservatorio Nacional de Música baixo a dirección de Pilar de la Mora. 

Aprobou varios cursos de solfexo e piano en poucos días, optou e aprobou con alta nota a proba de profesora superior de piano cando apenas cumprira os oito anos. 

O éxito acompañouna aínda un tempo pero xa en progresivo descenso durante a década dos vinte. 

Pasou a actuar con acompañamento facéndose chamar Terceto Pereira, resaltando, iso si, o seu nome como figura principal para acabar desaparecendo dun día para outro dos carteis e dos medios de comunicación sen que eu saiba a día de hoxe, que foi a partir de 1930 da outrora prometedora carreira da tenra diva chamada Norita 

Comentarios