Opinión

Munehiro Ikeda

ESTES días pasados andamos por Melide por mor da gravación da polafía que organizou alí a sección de Literatura de Tradición Oral da AELG. Reunímonos no Museo da Terra de Melide onde nos atenderon coa xenerosidade e a sapiencia acostumadas Cristina Vázquez e Xurxo Broz. Escoitamos ao gaiteiro Suso Ascariz, conversamos co zapateiro artesán Ramón Laia e co poeta Antom Laia, escoitamos as músicas e os cantos dos melidaos e gozamos coa mestría e bo facer do profesorado e alumnado da escola de baile e música tradicional Herba Grileira.

De sobremesa, ademais Munehiro Ikeda dos extraordinarios melindres, amendoados e ricos que elaboran, Alberto Rodríguez, da cafetería e pastelería Estilo, amosounos un exemplar dun libro excepcional; unha guía rara do Camiño de Santiago, debuxada e anotada polo artista xaponés Munehiro Ikeda (Tokio, 1939) e que levaría por título, de traducilo o máis literal posible, algo así como ‘Pintura en rolo do camiño peregrino. Viaxe á escultura románica’.

Munehiro Ikeda foi profesor da universidade de Musasino, escultor e pintor moi premiado, ademais de karateka de prestixio no seu país, viaxou por primeira vez por España entre 1983 e 1984 aínda que xa estivera en Madrid e Compostela en 1982. Botou un ano percorrendo o Camiño Francés a Santiago desde Roncesvalles ata Fisterra. O seu interese inicial era estudar o románico español e acabou publicando un singular caderno ou guía de viaxe, unha sorte de ‘Calixtino’ do século XX feito á man con bosquexos e debuxos precisos e preciosos que inclúen elementos orográficos e curvas de nivel, con notas breves pero tan curiosas como os números de teléfono dos lugares onde pasar a noite ou comer. Contaba cunha bolsa da Axencia de Asuntos Culturais do Xapón.

O orixinal, que forma parte dos fondos do Museo das Peregrinacións de Compostela, debuxouno nun gran rolo de papel de arroz con trazos limpos e delicados, cheos de vida e cor. A versión en libro publicouse en Tokio en 1990, conta con máis de 700 páxinas, 530 mapas e 970 debuxos. A Xunta de Galicia reeditouno en edición bilingüe español- xaponés en 1999.

Munehiro Ikeda fixo o Camiño desde entón, aínda que non sempre completo, ata en catro ocasións. A última vez que pisou Galicia foi en 2017 para participar no Encontro de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada.

Probablemente en cada aldea ou vila do Camiño Francés poderemos escoitar varias anécdotas e curiosidades arredor deste artista xaponés. Xente que o coñeceu e que compartiu con el esa paixón por debuxalo todo: rueiros, casas, cruceiros ou capelas, capiteis ou pontes que hoxe fan deste caderno un clásico.

Algunhas persoas e bibliotecas galegas contan cun exemplar desta xoia bibliográfica, a primeira en xaponés do Camiño de Santiago. Entre esas xentes está a familia propietaria da pastelería Estilo de Melide que conservan, cal tesouro en pano de ouro, este exemplar e algúns afectos máis —catálogos, postais, calendarios, fotografías...— entregados persoalmente ou remitidos desde o afastado este por Munehiro Ikeda en agradecemento polas atencións e amabilidade que lle dispensaron.

Comentarios