lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

De mulleres transparentes

Robert Charroux en Archivos de otros mundos (Plaza & Janes Editores, S. A, 1985), cita a propósito das lendas que tratan de explicar o asolagamento da mítica cidade de Ys, na Bretaña francesa outra cidade chamada Ys en Lanhelin (Ille-et-Vilaine) que estaba habitada por mulleres transparentes. Cando bebían viño, víaselles baixar desde a gorxa. 

O mesmo autor cita outro caso en Francia, en Bresse, en Trois-Demoiselles, nas proximidades de Saint-Germain-du-Bois (Saóne-et-Loire) onde vivían tres mozas fermosísimas que tamén, ao beberen viño, víáselles pasar por dentro do corpo. Tiñan a pel tan fina e transparente como unha gasa.

Jean Markale, autor de Contos e lendas dos países celtas (Toxosoutos, 1998), recrea a única lenda co mesmo motivo da que temos constancia en Galicia e que é moi semellante á protagonizada por San Gwennolé —o home bo— no caso da desaparecida Ys. 

En canto ao tema das donas transparentes anota a analoxía coa lenda dunha misteriosa cidade bretoa chamada Nasado, en Erquy, Côtes d’Armor, que tería desaparecido nas mesmas circunstancias. Amais, considera que a fortaleza que, segundo a lenda, domina a cidade ben puidera ser unha evocación de Ardóbriga, un enclave que se situaría na desembocadura do río Eume, nalgún castro da parroquia de Centroña. 

Estamos, seguramente, diante dun caso de transposición cultural dun tema moi presente no lendario popular bretón pero de escaso arraigo na tradición galega. 

Aceptemos pois que na desembocadura do río Eume en Pontedeume houbo unha grande cidade con porto e con xentes alegres, comerciantes ricos, bonitos pazos e altas casas. No cumio do monte, quizais o Breamo, construíuse unha fortaleza ben dotada de armas e soldados que cando libraban baixaban á cidade e brincaban coas mozas. Un día chegaron tres rapazas que chamaban a atención. Viñan soas, sen máis familiares que os criados que as servían e instaláronse nun soberbio pazo a carón do porto. Por como vestían posuían riquezas de sobra.  

Axiña se fixeron populares, daban festas cada pouco e os homes toleaban por estar cabo delas. Os soldados despistaron as obrigas propias do oficio e dedicáronse con entusiasmo a andar tras delas. Tiñan a pel fina e transparente e todo canto comían ou bebían podía verse circular por dentro dos seus corpos.

Os rumores circulaban. Que se eran máxicas, ou mouras, ou meigas! Coa súa chegada a vida na tranquila e próspera cidade degradouse, ningún home se preocupaba dos seus quefaceres, só de andar tras das tres mulleres como cans faldreiros.

Noutro dos montes que rodean a baía de Pontedeume vivía un vello ermitán. Un home sabio que propuxo unha solución definitiva. Á noitiña subiuse ao punto máis alto dos arredores cunha póla de maceira na man e pronunciou unhas palabras que provocaron grandes nubes, que o vento comezase a bruar e a varrer todo canto atopaba, e que comezase a chover como nunca acontecera.

A media noite unha onda xigantesca cubriuno todo e ao amencer só se vía o mar, un mar calmo e sereno como se nunca antes existise vida humana naquel lugar.

De mulleres transparentes
Comentarios