Opinión

Miscelánea Mindoniense

Un non se decata da urxencia de atopar unha fonte onde acalmar a sede ata que a secura o aperta o suficiente. Falo da sede de saber de nós mesmos, do noso pasado familiar e veciñal, de coñecer as vidas dos nosos parentes e devanceiros, de dar razón de como foron as cousas ou quen as fixo. Falo do impagable labor da xente xenerosa, xeralmente discreta como é o caso de Andrés García Doural, que nos alimenta cada pouco con petiscos de historia e de memoria desde as súas publicacións e desde o blog chamado Miscelánea Mindoniense. 

Esta gaceta virtual naceu a principios de xaneiro de 2009 e desde entón, doce anos de andadura, suma un milleiro ben longo de documentos cun utilísimo e variado repertorio de historias da tribo mindoniense. Biografías de persoeiros, datos precisos de acontecementos históricos, transcrición de documentos, fotografías históricas, amais de centos de curiosidades, anécdotas e noticias variadas que abranguen todas as facetas da vida política, relixiosa, social e cultural do Mondoñedo deste e de todos os tempos. Para entender a importancia e utilidade, e incluso a necesidade, desta publicación, abondarían as múltiples citas e referencias que xornalistas, historiadores e xente do común fan del. 

Non custa imaxinar aos milleiros de nativos de Mondoñedo que andan polo mundo acudindo regularmente a este manancial de sabedoría pois reconforta moito sentir que hai alguén como Andrés García Doural que ama o que ti amas e que ademais sabe a historia que estás buscando. A maxia de internet e o seu empeño persoal fan posible ese milagre. 

Se lle interesan os tarambainas, neste blog atoparaos: Román, Taca-taca, o Larán, Lamparillas, Cazuña, Don Fino, Panchiño e moitos máis. Se o seu é curiosidade pola música non hai nome de músico ou de agrupación musical —banda, orquestra, coro ou charanga— que non estea rexistrado, desde Pacheco a Lodeiro Piñeiroa, o compositor do primeiro himno oficial do Barcelona F. C. 

Curiosidades dos vellos camiños e cemiterios, acontecementos deportivos, de heráldica, cruces e cruceiros, igrexas e outras edificacións civís e relixiosas, de minas, covas, rúas, de comerciantes, médicos, veterinarios, artesáns, escritores e escritoras, artistas, muiñeiros, carpinteiros, cregos, militares, xastres, barbeiros, pasteleiros, alcaldes e concelleiros, de crimes e outros sucesos violentos, de costureiras, mestres e mestras, monxas e outra xente dos máis variados oficios que atopará nesta urbe virtual, todos convenientemente identificados coas correspondentes xenealoxías e filiacións. Navegue, pérdase, mergúllese nesta bitácora. Sempre descubrirá máis do que pretendía atopar e sempre regresará da singradura máis sabio e satisfeito. 

Quen lega xenerosamente, sen nada a cambio, o que sabe, como fai Andrés García Doural, regálanos millentas horas da súa vida entregadas á consulta de arquivos e bibliotecas ou a conversas con quen pode transmitir tanto saber. Un traballo así, calado e inmenso, ben merece, oxalá se faga en tempo, un recoñecemento colectivo.

Comentarios