Opinión

Mestre Aurelio

Aurelio Ramos Ogando chegou a Lugo cos seus 93 anos de vida o pasado 29 de outubro. Viña desde o lugar da Alén, onde naceu e reside, en Xirarga de Beariz, con familiares e amizades, a boa xente da tribo que o quixo acompañar no acto de recepción do premio que lle concedeu a sección de literatura oral da AELG nomeándoo Mestre da Memoria 2021. Nesta cerimonia, que se vén celebrando na cidade de Lugo ano tras ano desde 2016, tamén se lle entregou o diploma de Mestra da Memoria á malpicá Teresa Reigía Pose, Teresa dos Cucos, polo que ambos pasan a formar parte da listaxe de honra de Mestras e Mestres recoñecidos pola AELG desde 2013.

Hoxe quero falar de Aurelio a quen louvou con palabras sabias e emotivas o escritor Calros Solla. Naceu nunha aldea como tantas en casa de escasa fortuna. Algunhas vacas e poucas propiedades para manter xente e gando. Axiña tivo que traballar por fóra. Primeiro de vagoneiro na mina de estaño do Campanario, próxima ao lugar, ata que pechou. Despois como formigoneiro na construción do encoro de Bachimaña, en Huesca. Foi colleitor e intermediario no comercio de plantas medicinais, experto nos usos dalgunhas delas como o árnica ou o dentón do centeo para tratar doenzas. Andou as eiras de malla en malla co motor Lister inglés e tivo máquinas de todo tipo para facer traballos agrícolas alí onde o chamasen.

A necesidade forzouno a ir buscar o pan aínda máis lonxe e marchou para o Brasil onde foi dependente nun comercio en Baía de Salvador, aprendeu a reloxeiro e tamén a reparar radios. Regresou en 1949 despois de oito anos para non volver, a pesar de ter que cumprir o servizo militar que aínda tiña pendente.

Aurelio é un home alegre e moi sabio. Coñece a contorna palmo a palmo, sabe a orixe de cada microtopónimo e a historia de cada pedra e de cada casa, os nomes de quen as ocupou e por onde andaron. A pesar das idas e voltas da súa axitada vida, sempre tivo curiosidade por todo canto acontecía ao seu arredor.

Foi brindeiro dos que andaban amenizando as vodas. Recita e canta coplas e un montón de romances, conta contos que foi aprendendo desde a infancia, uns recréaos e outros invéntaos, dándolle forma e un xeito de seu a moitas anécdotas e sucedidos que escoitou aquí ou acolá. E se a historia lle gusta moito, como lle acontece coa da bandoleira Pepa a Loba, repítea unha e mil veces, sempre da mesma maneira. Pepa, nena pobre de familia hudun señor ata que un día, grazas ao auxilio do can Lueiro, repele e mata o lobo que as ataca. Quedoulle a Loba para sempre.

Profillada por un home que podería ser o seu propio pai, pasou a vivir con el pero un irmán del, por envexa, deulle morte. A xustiza, porén, culpouna e Pepa foi presa.

Seguindo as recomendacións dunha compañeira de presidio en Pontevedra, conseguiu escapar vestida de cura e a seguir fíxose capitá dunha cuadrilla de ladróns, preparou a vinganza para matar a quen matara o pai e conseguiuno. Foi o can Lueiro quen executou a sentenza. De alí en adiante, di Aurelio —memoria da nosa historia—, que dixo a Loba: "Andarei por camiños de sangue como quixeron que eu andase".

Comentarios