Opinión

Merlín de Mondoñedo

Manuel Montero, na súa libraría. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Manuel Montero, na súa libraría. JOSÉ Mª ÁLVEZ

MANUEL MONTERO REGO, o Merlín de Cunqueiro e Mondoñedo, viaxou ao ceo da memoria na tardiña do venres, 15 de abril de 2022, coas seus 94 anos consumidos. Volveuse etéreo e de agora en adiante só se deixará ver en figura de vara de mago como unha luciña refulxente nun océano de fantasías. O demais do seu ser xa é unha páxina senlleira, inimitable, irrepetible e excepcional no decorrer dos días mindonienses. O seu nome merece honra nun lugar destacado da cidade na que soñou e conseguiu ser o que imaxinou ser.

Non hai moito tempo dediqueille un dos capítulos do libro titulado Contrahistorias de Galicia (Embora, ano 2020) e retrateino a carón dunha ilustración de Rita Gutiérrez desta maneira:

Manuel Montero Rego decidiu un día, anos finais da década dos oitenta, escapar da realidade e converterse por arte de maxia nun personaxe de ficción para chamarse o Merlín de Cunqueiro.

VER MÁIS: Falece o mindoniense Manuel Montero Rego

Naceu en Mondoñedo, entre dez irmáns, un día do ano 1928. Foi libreiro, na Librería Montero, e coleccionista tamén de prospectos de cine, libros antigos, fotografías, cerámicas, imaxes, estampas, amuletos, recortes de prensa... e ata se fixo co oratorio no que casaran Álvaro Cunqueiro e Elvira GonzálezSeco aló polo día 18 de decembro de 1940.

Sempre lle gustou, ademais de coleccionar e exhibir, caracterizarse e representar personaxes.

Manolo coñeceu a Cunqueiro cando facía de recadeiro, o pai era matachín, e lle levaba as encargas da matanza a Carmiña, a irmá coa que vivía o escritor na hoxe chamada Casa Museo Cunqueiro.

O Merlín do que falamos, hai outros, naceu da imaxinativa de Álvaro Cunqueiro, quen puxo a súa historia por escrito nun libro publicado en 1956 co título Merlín e familia.

Ás veces, como é o caso, os personaxes de ficción toman corporeidade, independízanse do libro no que habitan e do autor que os creou, e fan camiño ao seu albedrío.

Cando se xubilou alugou un baixo nos cantóns da praza da Catedral, púxolle un rótulo que dicía Museo do Mago Merlín e alí amosaba a quen quixese os seus tesouros. Vestía túnica, escollida entre unha variada colección de enfeites e prendas de época, cubríase cun chapeu de máxico e apoiábase nun báculo serpentiforme que lle daba aspecto de mago amable e dono duns poderes bárbaros que nunca usou, hai que dicilo, para causar mal.

Así ataviado foi convidado a múltiples celebracións, sempre arredor de figura e obra de Cunqueiro. Visitou estudos de televisión, asistiu a réplicas de festas celtas e mercados medievais, foi entrevistado ducias de veces en radios e xornais e recibiu numerosas homenaxes. Gozou de enorme popularidade na década final do XX e na primeira do XXI.

Álvaro Cunqueiro nomeouno O meu libreiro de cámara, A rosa dos libreiros galegos e tamén Pequeno Merlín. Foi un personaxe singular e verdadeiramente célebre, mestura prodixiosa dun tal Manolo Montero Rego e do Merlín de Cunqueiro que tivo e ten, en palabras de Manuel María, "na ollada, a brilar / unha febre que o consome / nun alto e puro soñar!".

Nos últimos tempos preferiu apartarse dos focos e descansar. As memorias que anunciou reunidas en 10 libretas de notas terán que agardar.

Comentarios