lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

Man de Gloria

A ORIXE DO mito da chamada Man de Gloria é unha derivación fonética e simbólica doutro mito, o da mandrágora. Na Idade Media de mandragoire pasouse a maindegloire. Dunha semellanza fonética —que non etimolóxica— deriváronse atributos, virtudes e poderes atribuídos en principio á mandrágora e logo á Man de Gloria. A mandrágora considérase un amuleto que asegura a quen a posúa poder, riqueza e sorte.

As marabillosas propiedades da mandrágora proveñen de que as súas raíces teñen a figura dun corpo humano. Cítanse na Biblia, na Cábala e en moitos bestiarios medievais. Disque só medra debaixo Man de Gloria dos pés dun aforcado. Se non se arrincan as raíces con moito tento, emiten laios con tal potencia que poden causar a xordeira e incluso a morte de quen escoita.

A Encyclopaedia universalis: Thesaurus-index dinos que a raíz da mandrágora é unha especie de embrión que se pode revivir co rito axeitado, un ritual no que interveñen, e isto é moi importante, unha forca e tamén o reo correspondente.

A lenda fabulosa da Man de Gloria recóllese no século XVI no Alberti Magni de Secretis Mulierum ou Grand Albert, e máis adiante, século XVIII, nunha edición resumida, coñecida como ‘Secrets merveilleux de la magie naturelle et cabalistique du Petit Albert ou Petit Albert’.

Neste texto, moi do gusto de alquimistas e ocultistas, cóntase como se debe preparar unha Man de Gloria. Abstéñanse de seguir lendo hipocondríacos e aprehensivos en xeral!

Búscase a man esquerda dun aforcado exposto nos camiños; se foi asasino, a man que cometese o crime. Consérvase nun pote de terra con salmoira, logo ponse ao sol, preferentemente na canícula —entre xullo e setembro— ata que estea ben seca.

Despois fabrícase unha vela con graxa de aforcado, cera virxe e sésamo de Laponia, e úsase a man coma se fose un candeeiro para soster a vela prendida. As persoas que estean no lugar onde se leve quedarán inmobilizados coma mortos diante deste amuleto paralizante, o que permite roubar ou cometer calquera outro delito sen contratempos.

Claro que esta maxia ten antídoto. Consiste nun preparado de fel de gato negro, graxa de galiña branca e sangue de moucho. Amasado todo, mesturado e secado tamén nos días da canícula serve para untar entrada e pechadura da casa e así evitar que entren ladróns ou okupas.

A propósito deste uso da Man de Gloria, J. George Frazer en La Rama Dorada inclúe este ritual dentro da chamada maxia homeopática ou imitativa e di que en ocasións a mesma man de morto era usada como vela ou, mellor dito, como floreiro de velas, pois acendían os descarnados dedos. Se algún membro do grupo ou da familia estivese esperto, a Man de Gloria avisa xa que algún dos dedos non arderán. Estas luces nefandas non poden apagarse máis que con leite.

Os escritores do séeculo XIX Gérard Nerval, Aloysius Bertrand, Maupassant e Marcel Schwob recrearon nos seus textos este mito. Os irmáns ourensáns, Félix e Cástor Castro, grandes coleccionistas de libros máxicos e obxectos relacionados coa maxia e o ocultismo, teñen na súa colección unha Man de Gloria que expuxeron en Lugo na sala de exposicións da Deputación no outono de 2008.

Man de Gloria
Comentarios