lunes. 23.11.2020 |
El tiempo
lunes. 23.11.2020
El tiempo

Lugo e Nós

O SÁBADO, 30 de outubro, cómprense cen anos da aparición do primeiro número de Nós, Boletín mensual da Cultura Galega, cabeceira editada en Ourense pola Sociedade Galega de Pubricacións Nós baixo a dirección de Vicente Risco. Até finais de 1935 viron a luz 144 números con contidos moi variados, sempre en galego e centrados na información e na análise dos temas de máxima preocupación política e cultural de Galicia.

Tendo en conta que o núcleo intelectual que dirixía o boletín e os colaboradores principais eran na súa inmensa maioría ourensáns, non aparenta, en principio, que a participación lucense fose relevante. Porén, se incluímos neste apartado os lucenses de nación que colaboraron nalgún momento e os ourensáns ou doutras procedencias que residiron en Lugo por motivos profesionais, a nómina de colaboradores de Nós vencellados a Lugo, amais de extensa, acada unha gran relevancia.

Apenas imos bosquexar este vencello entre Lugo, cidade e provincia, e Nós. Entre os do primeiro grupo, lucenses de orixe cuxo nome aparece en Nós nalgún momento dos seus 15 anos de vida, destacamos a J. Bal y Gay, L. Peña Novo, E. Lence Santar, E. Correa Calderón, F. Lanza, A. Noriega, A. Villar Ponte, A. Iglesia Alvariño, A. Otero, A. Cunqueiro, F. Fernández del Riego, A. Fole e L. Pimentel. A maioría dos textos son creacións poéticas, opúsculos sobre música, política, etnografía e outros temas. Tamén aparecen nalgún dos números gravados de Castro Gil e de B. Vidarte, a tradución ao italiano por Guido Batelli dun par de sonetos de Noriega e un reclamo, o único dun establecemento lucense en toda a historia da publicación, o da fábrica de chocolates Fabril Real Corona, propiedade do político José Benito Pardo.

Entre os foráneos residentes en Lugo que tiveron un papel destacado en Nós, temos que mencionar os ourensáns Primitivo R. Sanjurjo e X. R. Fernández-Oxea Ben-ChoSey, o cotobadés A. Fraguas e o ferrolán R. Carballo Calero.

Primitivo Rodríguez Sanjurjo foi profesor do Instituto de Lugo desde 1932 ata a o seu falecemento nesta cidade en 1947. Procedía de Ourense, era veciño e amigo de Risco e Otero Pedrayo. Experto en mitoloxía e astroloxía, escritor, colaborador en La Centuria, amigo de Unamuno, Rubén Darío, Roso de Luna e Borges, entre outros. En Lugo está practicamente esquecido.

A Sanjurjo substituíno como profesor outro destacado intelectual, Antón Fraguas. Nos nove anos que permaneceu na cidade conquistou o respecto e admiración dos que o trataron, méritos que engrandeceu á fronte de institucións como o Museo do Pobo Galego e como membro da RAG e do Consello da Cultura Galega ata o seu pasamento en 1999.

Xosé Ramón Fernández-Oxea Ben-Cho-Sey, ensaísta, poeta, narrador, xornalista e investigador nacido en Ourense, de longa e dilatada traxectoria política e intelectual que residía precisamente en Lugo cando estourou o golpe de 1936.

E Carballo Calero, profesor e escritor nacido en Ferrol que casou e pasou uns quince anos da súa vida en Lugo na dirección de Colexio Fingoi, e que neste ano 2020 foi o escollido pola RAG para homenaxealo no Día das Letras Galegas.

Lugo e Nós
Comentarios