miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

O incunable de Mondoñedo

Incunables díselles ás obras impresas entre a invención da imprenta por Gutenberg a mediados do s. XV e comenzos do s. XVI.

O primeiro investigador que deu noticia sobre a existencia deste incunable mindoniense foi o bibliófilo alemán Konrad Haebler en 1923: o Confesional ou Breve forma de Confesión da autoría de Alonso de Madrigal, O Tostado,  impreso non sabemos por quen por primeira vez "En villa mayor de mondoñedo" en 1495 e escrito seguramente na primeira metade do s. XV. O único exemplar que se coñece atópase na Biblioteca e Arquivo Distrital de Évora (Portugal), un paraíso que conserva 661 incunables. 

Trátase dun breviario confesional en castelán para instrución dos fieis cuxos contidos tratan dos sete pecados capitais, os dez mandamentos, os cinco sentidos e obras de misericordia. O orixinal puido levalo a Mondoñedo desde Ávila o bispo Alonso Suárez de la Fuente del Sauce, quen apenas permaneceu 3 anos anos en Mondoñedo e despois, tamén por pouco tempo, foi bispo de Lugo. Alonso Suárez era de Ávila, como O Tostado, e nese período o cabido mindoniense contratou co impresor aveciñado en Iruña, Arnau Guillerme, varios traballos. Quen sabe! Como curiosidade, o corpo deste bispo permaneceu insepulto 480 anos na catedral de Xaén por mor dun conflito entre familiares e o cabido... pero esta é historia colateral.

Alonso de Madrigal era 'Maestro en Artes y Bachiller en Teología', home de mediana estatura, corpo espeso, cabeza grande, pescozo curto... Natural de Madrigal de las Altas Torres, profesor en Salamanca con fama de docto e sabio en varias artes, foi bispo de Ávila, cidade onde morreu en 1455. 

Para investigadores como Luis Cochón este incunable mindoniense constitúe "o máis sorprendente e extraño de todos os incunables de Galicia" por varios motivos, entre eles  polo uso dunha tipografía arcaica sen paralelos coñecidos. Ninguén sabía del ata que Haebler o deu a coñecer na súa Geschichte des Spanischen Frühdruckes in Stammbaumen (Leipzig, 1923). O libreiro e bibliógrafo Francisco Vindel (fillo de Pedro Vindel) redescúbreo segundo publica en El arte tipográfico en España en el siglo XV (1945-51), crendo ser o el o primeiro en dar a nova.

Nin foi esta a única edición do Confesional, nin a primeira obra impresa das moitas producidas polo Tostado, un home ben considerado e con sona de prolífico que deu orixe ao dito "Escribe más que El Tostado".

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia editou esta obra en facsímile en 1995, dentro da colección Bibliofilia de Galicia, precedida dun estudo preliminar ben instrutivo de Ignacio Cabano Vázquez e José María Díaz Fernández.

Engadamos que na biblioteca do Seminario se custodian 22 incunables máis, catalogados e publicados por Darío Balea en Estudios Mindonienses 1. 

Cara setembro, se tempo e saúde o permiten, celebraremos en Mondoñedo os 150 anos ininterrumpidos da imprenta que inaugurou H. Mancebo en 1870, que seguiu o seu fillo Edesio e ata hoxe, como Sucesores de Mancebo, Jesús López e o seu fillo, Fernando. Século e medio dunha historia que comezaba coa deste incunable hai exactamente 525 anos.

O incunable de Mondoñedo
Comentarios