lunes. 26.07.2021 |
El tiempo
lunes. 26.07.2021
El tiempo

A hora vinte e cinco

Na maior parte de Europa e noutras moitas rexións do mundo conmemórase nas próximas datas, con maior ou menor grao de acomodo ás recomendacións das distintas igrexas cristiás, o Natalicio de Xesús Cristo.

Antigamente celebrábanse nesta despedida do ano outros cultos e festas en honor a deuses como Osiris en Exipto, Dionisos no imperio romano oriental e na honra do Sol Invicto e de Mitra no occidental. Na Roma clásica eran, ademais, os días das Saturnalia, as festas máis importantes do ano. Todos estes cultos, festas e ritos, xunto coas celebracións solsticiais das culturas indoeuropeas, aínda sendo formalmente proscritos pola igrexa, seguen hoxe latentes nas celebracións de Nadal baixo o verniz do cristianismo.

Ata o século IV a igrexa non elaborou a listaxe dos 72 libros que compoñen a Biblia canónica. O Novo Testamento di que o Natalicio tivo lugar nunha corte de Belén, e que a Virxe, logo de parir, acomodou o fillo nunha cambeleira. Algúns apócrifos, en cambio, afirman que naceu nunha cova, probablemente escavada na rocha a pé da muralla da cidade, e que tres días despois do parto, ao non haber mellor hospedaxe dispoñible, instaláronse nunha corte. Esta cova, que estaría situada debaixo do altar maior da actual Basílica da Natividade de Belén, foi identificada como un vello santuario dedicado a Adonis.

A data de nacemento de Xesús non foi motivo de preocupación nos primeiros tempos e os evanxelistas non repararon nese asunto. Só Lucas, nun prólogo engadido ao seu evanxeo, afirma que «había na rexión uns pastores que pasaban a noite ao raso e vixiaban por quendas os seus rabaños».

No século II comezaron a barallarse varias datas. Oríxenes, a mediados do s. III, seguía considerando irrelevante tal preocupación pero a igrexa oriental, a proposta dos gnósticos basilidianos de Exipto, decantouse polo 6 de xaneiro. Era un día grande nos cultos pagás orientais pois nesa noite do 5 ao 6 de xaneiro celebrábase a epifanía -aparición- de Osiris e a do seu correspondente grego, Dionisos. Ademais, en Alexandría representábase a Aión, o renacer do tempo, como un neno fillo dunha virxe nacido nunha gruta cunha estrela de ouro e marcas dunha cruz na fronte, nas mans e nos xeonllos.

Na mesma data tamén se conmemoraba a bendición das augas por Dionisos, augas que se convertían en viño como as que transmutou Xesús nas Vodas de Caná. Xesús Cristo, parece evidente, representa a continuidade destes deuses.

Escribiu Cunqueiro que "hai momentos na historia da humanidade en que a terra deixa, por unhas horas ou uns meses, de pertencer aos homes". Esas horas ou eses meses que el denomina a hora vinte e cinco.

O Nadal é a hora vinte e cinco da que fala Cunqueiro, un período de trece días e trece noites, consecuencia dun sincretismo de ideas, crenzas e prácticas que se foron desenvolvendo ao longo dos séculos ata conformar unha tradición viva que ten a orixe remota en primitivos cultos astrais arredor da Lúa e do Sol, astros fundamentais para a vida na Terra e que comeza agora tras a agonía invernal o seu renacemento cíclico.

A hora vinte e cinco
Comentarios