miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

A Gioconda recuperada

El Progreso anuncia o roubo da Giogonda en nota publicada o 25 de agosto de 1911. En setembro comunica que un camareiro chamado Armando Gueneschau ofrece referencias do ladrón, un ruso, e do comprador, un ilustre de París, xunto con outros detalles sobre o lugar onde se gardaría a obra, que asegura ter visto, pero di que non falará máis por menos de 200.000 francos.

Outra nova que aparece neste xornal pouco despois desmente o publicado por La Voz de la Verdad sobre a presenza do cadro nunha pousada de León; fora unha broma entre xornalistas que case lle custa o posto ao gobernador daquela provincia.

Tamén El Progreso se esquece do asunto ata febreiro de 1912 para dar conta, como El Norte de Galicia, da teoría de que o cadro fora deteriorado por un verniz e que se atopaba en Mónaco en espera de atopar un artista discreto que o reparase.  En agosto comentase no xornal que un inglés chamado Mr. Rathbone se presenta en París dicindo que atopou a obra en Londres nunha galería de arte e que a mercou para devolvela ao Louvre. Os técnicos do Louvre eloxiaron a calidade da copia pero detectaron que era dun tamaño maior ao orixinal.

O 14 de decembro de 1913 chega a boa nova a El Progreso. A Gioconda auténtica está en Roma. O ladrón, un tal Vicenzo Peruggia, traballara como vernizador no Louvre. O método, sinxelo; cortara a tea cunha navalla e enroláraa, agachara o marco e o cristal protector debaixo dunha escaleira e fuxiu. O goberno italiano díxose disposto a devolver a obra ao estado francés canto antes. 

Para o redactor, o sorriso da Gioconda vai dedicado a un polícia que presume de avisado e ao ladrón, ao que califican de parvo pois cometera o desliz de poñerse en contacto cun anticuario para venderlle o cadro.

En marzo do ano seguinte chega información sobre o xuízo a Peruggia. Segundo a fonte que se cita, El Imparcial, o reo está pegándose a gran vida no cárcere de Le Murate en Florencia, recibe doazóns como heroe que asegura que o roubo foi unha vinganza polos saqueos cometidos en Italia por Napoleón. 

Transcríbense fragmentos dunha carta que Peruggia remitira aos país coas desculpas polos contratempos causados por "esa debilidad que he tenido" e, sobre todo, pídelles que non desesperen, que o ruído sobre o seu caso quedará en seguida "en el gran velo del olvido". 

Na misiva asegura que o seu foi un xesto patriótico, amósase agradecido polas simpatías que lle chegan de todo o país, confía en ser declarado inocente ou cunha condena benévola. Tamén alaba a confortabilidade da cela e di que ocupa o tempo en ler e escribir.

Des que pasen, remata Peruggia, os días máis negros dedicarase de novo a traballar: "Lo que más siento ahora es que le hayan devuelto nuestra Gioconda al gobierno francés. ¡Que lástima!"

Vicenzo Peruggia tiña 32 anos, foi condenado a pouco máis dun ano de cárcere que non chegou a cumprir, combateu con Italia na I Guerra Mundial e morreu na Alta Saboia, Francia, en 1925.

A Gioconda fora un regalo do propio Leonardo da Vinci a Francisco I, rei de Francia, cando este o propuxera para pintor da corte.

A Gioconda recuperada
Comentarios