Opinión

Galiza bizarra

O PROFESOR, poeta e etnógrafo pontevedrés, Calros Solla, pertence a esa caste de persoas que atesouran en grandes doses paixón, curiosidade e capacidade. Á marxe do seu labor como docente, como investigador do pasado leva publicados numerosos libros, entre eles Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo ou Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas. Pescudador infatigable da memoria do territorio e das xentes xunto con correlixionarios de colectivos como Verbo Xido e Capitán Gosende, autor de varios libros de poesía e merecedor de varios premios, entre eles o Johán Carballeira e o Victoriano Taibo. Promotor da colección Cercedo in the Voyager sobre aspectos patrimoniais, etnográficos, mitolóxicos e históricos da Terra de Montes, de actos de memoria, experto en amuletos e obxectos de poder, incansable loitador e divulgador do saber que sustenta unha cultura.

Agora, dentro da colección Solea Scripsit, dedicada a divulgar curiosidades e marabillas, tras A vaga dos pratiños voantes. O fenómeno ovni na prensa galega (1947-1950) ofrécenos un sorprendente Crónica da Galiza bizarra (1848-1968).

Son 125 relatos extraídos e transcritos, amais de ilustrados, procedentes de arredor de medio cento de xornais galegos do período comprendido entre 1848 e 1968. Sucesos extraordinarios, fenómenos misteriosos e inexplicables, protagonizados ou supostamente causados por seres do sobrenatural como trasnos, demos, ánimas, meigas e meigallos, pantasmas, anxos, santos, cocos, criaturas deformes, cadáveres autómatas, serpes voadoras e todo tipo de monstros e animais inverosímiles.

Resulta ben complicado escoller un relato de mostra. Todos teñen en común o sorprendente e, dada a precisión con que se identifican vítimas e lugares onde suceden estes prodixios, unha indiscutible verosimilitude. Lémbrese que foron noticias impresas en xornais formais, teoricamente veraces con informacións hipoteticamente contrastadas.

Por aquí anda o caso famoso da espiritada de Gonzar, animais humanos e dos outros que nacen con deformacións incribles, casos de resucitados, visións desconcertantes... Dous exemplos.

A noite do 8 de outubro de 1957, coincidindo coas festas do San Froilán, interrompeuse a verbena no barrio de Recatelo ao veren pasar unha luminaria cruzando o ceo. Poucos días despois sóubose que se trataba do foguete que propulsaba o Sputnik, o primeiro satélite artificial.

Na portada de El Progreso do 17 de abril de 1966 aparecía, sobre unha gran foto co rostro do protagonista, este reclamo: "Un labrador de Pastoriza tiene los ojos bicolores". O home chamábase Eliseo Gómez Rivas, solteiro de 47 anos que residía cunha irmá no lugar das Coroas, en Reigosa. Eliseo tiña —como se pode apreciar nunha foto, a pesar de ser en branco e negro— un ollo azul claro e outro castaño escuro. No desenvolvemento da noticia, con fotografías de Vega, o xornalista Ángel de la Vega afirma que houbo outros casos de ollos bicolores naquela familia na que tamén hai varios xordomudos. Non hai que descartar que fosen da xenealoxía cunqueiriana de Padín de Carracedo.

Comentarios